Finlandia informa a Putin da súa vontade de entrar na OTAN

O partido da primeira ministra finlandesa, Sanna Marin, respalda por unanimidade abrir as negociacións para o ingreso do país na OTAN.
O presidente finlandés, Sauli Niinisto, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putín, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente finlandés, Sauli Niinisto, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putín, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O presidente de Finlandia, Sauli Niinisto, informou ao seu homólogo ruso, Vladimir Putin, da intención do seu país de solicitar o seu ingreso na OTAN "nos próximos días".

Foi, segundo informa a Presidencia finlandesa, nunha conversa telefónica "directa, inequívoca e sen esaxeracións" na que Niinisto explicou a Putin que a invasión de Ucraína por parte de Rusia "alterou a contorna de seguridade de Finlandia".

Tamén lle lembrou que cada nación independente ten dereito a maximizar a súa seguridade. "Ao unirse á OTAN, Finlandia fortalece a súa propia seguridade e asume a súa responsabilidade. Non se afasta de ninguén", engade a nota presidencial. 

Con todo, o presidente finés comunicou a Putin que a súa intención no futuro é a de "ocuparse das cuestións prácticas derivadas de ser veciño de Rusia de maneira correcta e profesional".

Apoio político

A continuación, a primeira ministra finlandesa, Sanna Marin, anunciou que a dirección do seu partido, o Partido Socialdemócrata dos Traballadores de Finlandia (SDP), ratificou o seu apoio ao ingreso do país na Alianza.

"Como consecuencia dos cambios significativos na situación da seguridade en Finlandia e en Europa, o SDP apoia o ingreso de Finlandia na Organización do Tratado do Atlántico Norte", afirmou Marin en rolda de prensa, segundo recolle o xornal finlandés ' Helsingin  Sanomat'.

"O SDP apoia a proposta de abrir negociacións de adhesión", engadiu a primeira ministra, que destacou que a dirección da formación aprobou a proposta por unanimidade.

Comentarios