Finlandia confirma o seu ingreso na OTAN: "Debemos solicitalo sen demora"

A primeira ministra e o presidente emiten un comunicado conxunto no que confían en que o procedemento se produza con carácter urxente para "fortalecer a seguridade de Finlandia".
A primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin, e o presidente, Sauli Niinisto. (Fotos: Raul Mee e Bernd von Jutrczenka / DPA)
photo_camera A primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin, e o presidente, Sauli Niinisto. (Fotos: Raul Mee e Bernd von Jutrczenka / DPA)

Finlandia está a un paso de converterse en membro oficial da OTAN. Así o confirmaron na mañá desta quinta feira o seu presidente, Sauli Niinisto, e a primeira ministra, Sanna Marin, nun comunicado conxunto recollido por diferentes medios.

"O ingreso na OTAN fortalecería a seguridade de Finlandia e Finlandia, como membro, fortalecería toda a alianza de defensa. Finlandia debe solicitar a adhesión sen demora. Agardamos que os pasos aínda precisos a nivel nacional para alcanzar esta solución sexan dados rapidamente nos vindeiros días", subliñaron.

O anuncio chega logo de que nos últimos meses os gobernos finlandés e sueco manifestaran de forma pública a súa intención de ingresar na organización militar. O pasado abril iniciaron os correspondentes debates parlamentarios para avaliar esta opción, coa ollada posta no cumio da Alianza que decorrerá en Madrid os días 29 e 30 de xuño.

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurou que, unha vez tomada a decisión, o procedemento de adhesión sería "moi rápido", dado que ambos os países xa participan de forma regular en misións e operacións da organización militar.

"Foi preciso tempo para levar a cabo contactos internacional estreitos coa OTAN e os seus países membro, así como con Suecia. Queriamos dar ao debate o espazo que precisa", dixeron Niinisto e Marin.

A ministra de Exteriores de Suecia, Ann Linde, valorou como "importante" o anuncio de Finlandia, o seu "maior aliado —dixo— en materia de seguridade e defensa". Suecia decidirá "após a entrega do informe sobre consultas de política de seguridade", precisou Linde.

"Non imos en contra de ninguén"

Esta decisión, porén, non vai en contra "de ninguén", advertiu o presidente finlandés na cuarta feira: "Se queremos maximizar a nosa seguridade, significa maximizar a defensa do noso país".

Dicía isto en alusión ás declaracións da portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, Maria Zakharova, que afirmou que esta adhesión tería "graves consecuencias político-militares". Tamén o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, dixo que a incorporación á OTAN "non permitirá" aumentar a seguridade en Europa porque "xa representa en si mesma unha ferramenta para provocar a confrontación".

Comentarios