Finalizan oficialmente 8 anos de ‘resgates’ da Troika a unha Grecia que continuará baixo control

Os responsábeis dos ‘programas de asistencia financeira’ falan de “éxito” e de que se inxectaron máis de 270.000 millóns de euros. A cara B: perda de 26% do PIB grego, recortes en dereitos laborais, aumento da pobreza e desmantelamento do público.

 

Grecia 2
photo_camera "Non", en grego, nunha mobilización en Atenas contra a Troika.

Esta segunda feira, 20 de agosto, Grecia sae oficialmente do último dos tres ‘resgates’ que o país sufriu desde 2010. Atenas conclúe o “programa de asistencia financeira” pactado cos seus acredores internacionais en 2015 e faino “con éxito”, segundo o MEDE, o Mecanismo europeo de seguridade, que é o organismo responsábel deste último ‘resgate’ de 3 anos e no que se desembolsaron máis de 61.000 millóns de euros. En total, e como sinalan reiteradamente os responsábeis, ao longo destes oito anos inxectáronse en Grecia máis de 270.000 millóns de euros para “recapitalizar a banca” e “impulsar axustes macroeconómicos”.

“Por primeira vez desde principios de 2010 Grecia pode manterse por si propia en pé”, afirma Mario Centeno, presidente do cadro de gobernadores do MEDE. Desde o organismo lembraron que a fin do resgate non significa a fin do control ou supervisión sobre Grecia. Bruxelas activou por primeira vez un mecanismo de "vixiancia reforzada". Así  os seus acredores  aseguraranse que aplican as reformas aprobadas e cumpren cos obxectivos fiscais, até que o país devolva no mínimo 70% do diñeiro.

Estes oito anos afogaron o pobo grego, ao que ninguén se interesou en ‘resgatar’ como denunciaron sindicatos e colectivos sociais. Tivo que soportar recortes laborais e sociais impostos polo Troika, entre 2008 e 2015 o seu PIB caeu en 26% e o investimento en máis de 60%. Por volta de 76% dos fogares gregos rexistraron nestes anos unha caída de ingresos ou a perda de emprego dos seus membros; mentres que 51% recoñece que tivo que reducir en necesidades básicas. A taxa de paro rexistrado está en 20% -chegou a acadar 28%- e a débeda é 180% do PIB.

Grecia debe ademais cumprir cunha serie de deberes: conseguir un superávit primario de 3,5% do seu PIB até 2022,e de 2,2% até 2060. Tamén deberá implantar un sistema de privatizacións para vender unha vintena de portos, aeroportos e participacións públicas, así como continuar a afondar en recortes en pensións, entre outros campos. 

En novembro do ano pasado, Mario Draghi recoñecía que os bancos centrais dos países da zona euro obtiveran perto de 8.000 millóns de euros de beneficios grazas aos títulos gregos, títulos que o Banco Central Europeo comprou entre 2010-12. Ademais, os empréstitos bilaterais a Grecia con taxas de xuro abusivos que realizaron países como Alemaña ou Francia tamén lles reportaron a estes ganancias importantes. Por exemplo, Alemaña embolsouse máis de 1.300 millóns de euros.  

Comentarios