A situación normalizarase gradualmente

Fin á greve que deixara sen combustíbel Portugal

Na madrugada da quinta feira os sindicatos dos transportistas de mercadorías perigosas e a patronal chegaron a un acordo para pór fin á greve que “secou” as gasolineiras portuguesas. O Goberno informa de que a normalización non será inmediata, senón gradual.

Aos poucos as estacións de combustíbel portuguesas volverán contar con gasóleo. Rematou a folga que “secara” as gasolineiras ao chegaren a un acordo na madrugada desta quinta feira os sindicatos dos transportistas de mercadorías perigosas e a patronal.

A fin da greve non implica a restitución inmediata do combustíbel. O propio goberno informa de que a normalización será gradual.

A desconvocatoria da folga responde ao compromiso de negociar colectivamente un acordo entre as partes até o día 31 de decembro. Un proceso en que mediará o Goberno e que promoverá e dignificará a actividade dos transportistas afectados. A primeira das reunións terá lugar o 29 de abril.

A greve deixou desabastecidas numerosas gasolineiras portuguesas, con especial incidencia no norte. A paralización afectou condutores, aeroportos, taxistas e autobuses, que durante a cuarta feira tiveron que cancelar servizos ante a falta de combustíbel.

No mediodía da cuarta feira, máis de 2.700 do total de 3.068 estacións dispoñíbeis presentaban falta de gasóleo, gasolina ou ambos.

Comentarios