A fin do bloqueo a Gaza, no cerne das negociacións entre Israel e Palestina

No Cairo decorren as conversas entre as delegacións palestinas e o goberno de Tel Aviv cando se cumpren 48 horas do cesamento ao fogo en Gaza. 

14613571770_80da34285d_b
photo_camera [Iyad al-Baba / Oxfam]

Após declararse a tregua de 72 horas e do repregamento das tropas israelitas da Faixa de Gaza, as delegacións de Israel e Palestina --desprazadas no Cairo-- manteñen conversas coas autoridades exipcias como mediadoras para procurar un novo acordo político. 

No centro do debate sitúase, por parte d@s representantes da OLP e Hamas, a fin do bloqueo imposto por Israel na Faixa de Gaza desde 2006. Mais tamén, a proposta de se constituír un Estado palestino para solucionar a crise de maneira definitiva, segundo declarou o ministro de Asuntos Exteriores de Exipto,  Sameh Shukri en comparecencia de imprensa. 

Entre as propostas achegadas pola delegación palestina atópase o cesamento das hostilidades por parte de Israel, o levantamento do bloqueo contra a Faixa, a liberación de presos políticos e a garantía do dereito a pesca para a poboación gazatí.

Desde O Cairo afirman que farán "súa a postura palestina" pois o seu interese é "axudar o pobo" fronte á "agresión israelita", porén, cumpre lembrar que durante os bombardeos decorridos durante 28 días contra a poboación civil gazatí, Exipto mantivo fechado o paso de Rafah impedindo que puidesen fuxir das agresións militares israelitas. 

A delegación palestina demanda o cesamento das hostilidades, o levantamento do bloqueo, a liberación de presos políticos e a garantía do dereito a pesca

De facto, após o cambio de goberno, a fronteira permanece inquebrantábel mesmo para a axuda humanitaria da que dependen en Gaza --segundo os dados fornecidos pola ONU-- dous terzos d@s gazatís. 

O bloqueo imposto após unhas eleccións democráticas. 
A comezos de 2006, en Palestina desenvolvéronse eleccións parlamentares para elixir @s representantes do Consello Lexislativo Palestivo. Por vez primeira, Hamas presentábase aos comicios baixo o lema 'Cambio e reforma'. En 2003, a organización islámica fora declarada pola Unión Europea como 'organización terrorista' na súa vertente civil e non só as Brigadas Al-Kassim --pertencentes á resistencia armada palestina. 

Os resultados eleitorais deron a vitoria a Hamas que obtivo 76 escanos de 132 que compoñen o Consello Lexislativo fronte aos 43 obtidos por Al-Fatah. No mes de febreiro, pouco despois das eleccións, Israel comeza a despregar medidas de presión contra a Faixa de Gaza --baixo o goberno da organización islámica-- que serán endurecidas en xuño dese mesmo ano após a captura do soldado Gilad Shalit. 

Hamas gañou as eleccións de 2006 nas que obtivo 76 dos 132 escanos do Parlamento, ese mesmo ano Israel iniciou o bloqueo

O goberno sionista fecha todas as fronteiras que conectan a Faixa cos territorios ocupados (Erez, Nahal Oz, Kami, Sufia e Kerem Shalom). Aliás, inicia unha operación militar baixo o nome de 'Chuvia de Verán'. Os bombardeos asasinan 300 persoas, a maior parte civís, mais segundo Tel Aviv, "terroristas". 

Unha medida de "castigo colectivo"
Desde as organizacións internacionais, nomeadamente as Nacións Unidas, e ONG's como Amnistía Internacional, salientan desde o inicio do bloqueo que esta medida supón unha "vulneración do dereito internacional". De facto, con el prohíbense a maior parte das importacións e exportacións de materiais, alimentos, recursos sanitarios e de primeira necesidade. 

Este feito, impide a poboación gazatí comerciar e a escaseza de bens eleva os prezos acotío. Isto impídelles acceder por mor das elevadas taxas de desemprego, aos produtos máis básicos e aboca a 4 de cada 5 persoas á dependencia da axuda humanitaria, segundo Amnistía Internacional. Para a ONU 2/3 do poboación padece "inseguridade alimentar". 

A ONU sitúa en 2/3 a poboación que padece "inseguridade alimentar" na Faixa de Gaza

Os túneis que conectan Gaza cos territorios ocupados e que Israel fixa como obxectivos militares, son as únicas vías para regatear o bloqueo e dar entrada a produtos de contrabando. O goberno exipciou construíu un muro de aceiro que impide o acceso através destes camiños ao seu territorio. Israel bombardéaos. 

Diversos organismos das Nacións Unidas como o relator para os dereitos humanos en Palestina ou a relatora especial sobre a pobreza extrema, apuntan o bloqueo como a principal causa de "pobreza" e privación" da poboación gazatí. Afirman que o seu mantemento supón unha "violación do dereito internacional humanitario e dos dereitos humanos" ao subliñar que coa devandita medida "non se está a castigar o goberno de Hamas senón a poboación civil de Gaza". 

Comentarios