Fillo dunha escocesa e con ascendencia alemá, Trump pide a catro congresistas que abandonen os EUA

Trump desencadeado e en estado puro. Xa metido na fariña de precampaña, o político do Partido Republicano identifica o inimigo a bater na ala máis progresista do Partido Demócrata, en concreto en catro congresistas mulleres coas raíces fóra dos EUA.

4
photo_camera As catro congresistas

Ilhan Omar (congresista por Minnesota), Alexandria Ocasio-Cortez (Nova Iorque), Rashida Tlaib (Michigan) e and Ayanna Pressley (Massachusetts) foron o albo dos ataques furibundamente racistas lanzados por Donald Trump, no que ten todo o aspecto dunha xogada para polarizar o debate político arredor dun asunto, o da migración, que no pasado ten rendido froitos electorais ao actual inquilino da Casa Branca.

Trump —el propio fillo da inmigración, vástago dunha cidadá escocesa e con ascendencia alemá chegou a pedir a estas catro congresistas que volvesen aos seus países de orixe —das catro só Omar nasceu fóra dos EUA, en Somalia—. "Se odias este país, se non estás contenta aquí, podes irte", dixo nun encontro cos medios.

O presidente dos EUA ensinou o seu rostro máis racistas ao se referir a Omar, de quen chegou a dicir que simpatiza con Al Qaeda.

A resposta das catro congresistas foi unha comparecencia conxunta perante a imprensa marcada polo ton deliberadamente moderado das súas intervencións. Pediron que non se "mordese o anzol", en alusión a que o ataque tiña como obxectivo distraer a atención do público para que o foco non se puxese nas políticas contrarias aos dereitos humanos —nomeadamente no que ten a ver co tratamento da poboación inmigrante— despregadas pola Administración Trump.

Comentarios