Mensaxe oficial do Borbón

Filipe VI avala como xefe do Estado o discurso e actuación do PP en Catalunya

O rei español acusa a Generalitat de “deslealdade inadmisíbel” e de “fracturar a sociedade catalá” para “pretender quebrar a unidade de España”. E manda unha mensaxe os cataláns que discrepan do ‘procés’: “Non están sos”.

filipe borbón reie imaxe Casa Real
photo_camera Imaxe da Casa Real

Felipe VI avalou no seu discurso oficial como xefe de Estado desta terza feira o relato do Partido Popular sobre Catalunya. No día en que centos de miles de persoas ateigaban rúas e prazas cataláns contra a violencia policial, o monarca non tivo nin unha soa palabra para o sucedido o 1-O. Nin unha referencia ás persoas feridas, para as cargas ou para a represión. Nin unha apelación ao diálogo, se alguén esperaba que o Estado xogase esa baza. Mais ben o contrario: “É responsabilidade dos lexítimos poderes do Estado asegurar a orde constitucional”, dixo. Unha frase que semella amparar a violencia policial do 1-O.

Non. O discurso de Filipe VI foi polo camiño da liña dura na que o PP apostou nomeadamente nestas semanas contra o proceso catalán. Mensaxe televisado  aos españois no que o monarca sinalou os dirixentes cataláns como únicos responsábeis e culpábeis. De “procurar ilegalmente a independencia de Catalunya”, de “vulnerar as normas”, de “deslealdade inadmisíbel” ou de “socavar a harmonía” e “fracturar a sociedade catalá”.

O Borbón acusounos de pretender a “quebra da unidade de España e da soberanía nacional”. Mandou unha mensaxe a aqueles cataláns, dixo, que non están de acordo con ese actuar. “Non están sos”, afirmou, para reiterar o seu compromiso “como rei coa unidade e permanencia de España”.

Mentres falaba o Borbón, miles de cataláns e catalás mantíñanse nas rúas, denunciando o vivido o 1-0 e defendendo os dereitos e liberdades públicas e o dereito a decidir. Ignorando soberanamente o xefe dun Estado que non senten como propio.

Comentarios