Filipe VI aférrase á defensa da unidade de España

Un novo discurso do rei en 24 de decembro baseouse na defensa férrea da Constitución e o desexo de garantir a unidade de España. As palabras do xefe do Estado chegaron após unha repetición electoral en que as forzas soberanistas sumaron a súa maior representación no Congreso no actual réxime, e en medio das negociacións para a investidura e da desautorización da xustiza europea á alta xudicatura española por vulnerar os dereitos do eurodeputado Oriol Junqueras. Ningunha alusión fixo o rei á violencia machista nin ás cincuenta mulleres asasinadas no Estado neste ano.  

Filipe VI no discurso de 24 de decembro.
photo_camera Filipe VI no discurso de 24 de decembro.

O discurso do rei Filipe VI en 24 de decembro centrouse na defensa da Constitución e da unidade de España, nun contexto marcado pola repetición electoral en 2019 e a posibilidade de ir a unhas terceiras xerais no vindeiro ano de non haber acordo para a investidura.

As palabras do monarca déronse tamén nun marco político onde a suma das representantes das forzas soberanistas da Galiza, Euskadi e Catalunya no Congreso é a maior do actual réxime.

Tamén chegou o discurso deste 24 após o agravamento da vía represiva do Estado coa sentenza do procés e a poucos días de o Tribunal europeo ter desautorizado a alta xudicatura española coa resolución que recoñece a inmunidade de Oriol Junqueras como eurodeputado. 

Ningunha alusión fixo o rei á violencia machista nin ás cincuenta mulleres asasinadas no Estado neste ano.  

Nesta situación, o rei aseverou que Catalunya é unha das "serias preocupacións" que ten España e defendeu "a vontade de entendemento” e de integrar as diferenzas dentro do “respecto” á Constitución, da que afirmou que “recoñece a diversidade territorial que nos define” e que “preserva a unidade que nos dá forza”.

O rei, en alusións á ‘transición’, salientou a Constitución, a “liberdade, a solidariedade e a vontade de concordia” por, segundo as súas palabras, permitiren "derrubar muros de intolerancia, rancor e incomprensión", e definiunas como un "aceno de identidade" españolas. "Debemos facer todo o posíbel para fortalecelos –en relación a eses principios- e evitar que se deterioren", aseverou.

En relación ás negociacións para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central o rei asegurou que España está inmersa "no procedemento constitucional previsto para que o Congreso dos Deputados outorgue ou denegue a súa confianza ao candidato". Conforme á Constitución, dixo, corresponde ao Congreso "tomar a decisión que considere máis conveniente para o interese xeral de todos os españois".

O rei mencionou a Catalunya expresamente unha soa vez, entre as "serias preocupacións" que ten España, xunto ás consecuencias para a cohesión social da revolución tecnolóxica e a deterioración da confianza cidadá nas institucións.

Comentarios