Fidel Castro: "Non confío na política dos EUA"

O líder cubano pronunciouse por vez primeira a respeito dos contactos bilaterais entre Cuba e a administración Obama.

Cuba debate
photo_camera [Imaxe Cuba Debate]

"Defenderemos sempre a cooperación e a amizade con todos os pobos do mundo e, entre eles, os dos nosos adversarios políticos". Así se pronunciou Fidel Castro a respeito do novo período de relacións entre A Habana e Washington. 

Fíxoo através dunha carta remitida á Federación estudantil universitaria de Cuba --e publicada no portal de información Cuba Debate-- na que expón o seu "posicionamento esencial" fronte ao desxeo das relacións políticas e diplomáticas. 

Castro afirma de maneira taxativa. "Non confío na política dos Estados Unidos nen compartillei unha palabra con eles". Porén, deseguido acrecenta "sen que isto signifique, nen moito menos, o rexeitamento a unha solución pacífica dos conflitos ou perigos de guerra". 

Fidel Castro defende na súa misiva a "solución pacífica e negociada aos problemas" entre os EUA e " calquera pobo de América Latina", non só Cuba. Solucións que, apunta, deben axustarse aos "principios" do marco xurídico internacional. "Defenderemos sempre a cooperación e a amizade con todos os pobos", acrecenta, tamén cos "nosos adversarios políticos". 

"Defenderemos sempre a cooperación e a amizade con todos os pobos", dixo Fidel Castro, tamén cos "nosos adversarios políticos"

Castro amosa na súa carta o humanismo que impregnou tradicionalmente o seu pensamento político, "os graves perigos que ameazan hoxe a humanidade terían que ceder paso a normas que fosen compatíbeis coa dignidade humana", sinala. "De tales dereitos non está excluído ningún país". 

Nas verbas do ex-presidente cubano mantense o conflito que atinxiu ambos os dous territorios durante máis de medio século e que, para alén do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto á illa, incluíu intervencións militares como a invasión de Bahía Cochinos ou a Crise dos Mísis. 

Malia a súa crítica e escepticismo a respeito da política internacional estadounidense, Fidel Castro amosa o seu apoio ás negociacións iniciadas polo goberno da illa. Neste senso, di, "o presidente de Cuba", apunta en relación a Raúl Castro "deu os pasos pertinentes de acordo ás súas prerrogativas e ás facultades que lle conceden a Asemblea Nacional [de Cuba] e o Partido Comunista". 

Comentarios