Fiat Chrysler e Volkswagen anuncian investimentos en EUA

Analistas e medios pregúntanse se a industria da automoción move ficha ante as ameazas de Trump

automoción EUA FCA Fiat Crysler motor
photo_camera Planta da FCA en EUA

Fiat Chrysler anunciou que vai investir mil millóns de dólares en Estados Unidos. Un anunciou que chega ao tempo que desde Volkswagen abren as portas a producir coches eléctricos en EUA. Poucos días antes, Ford anunciaba que suspendía a construción dunha factoría en México –que suporía 1.600 millóns de dólares- e que destinaba 700 millóns a reforzar a súa planta de Michigan. Os medios norte-americanos pregúntanse se estas decisións son unha resposta da industria do automóbil ante as ameazas de Donald Trump, que ten advertido a empresas do sector contra plans de deslocalización, ameazando con maiores aranceis e taxas para os seus produtos.

O grupo italo-estadounidense Fiat Chrysler anunciou este domingo que ía investir mil millóns de euros en 2 das súas plantas en EUA e que crearía por volta de 2.000 empregos en Michigan e Ohio. Unha parte desta inxección económica destinarase a habilitar unha das plantas para poder fabricar nela un dos modelos que actualmente se ensambla en México. Fiat Chrysler afirma que este anuncio corresponde á segunda fase dun plan de industrialización que se difundiu en xaneiro de 2016.

A isto engádese que desde o grupo alemán Volkswagen, que este domingo ratificou que manterá as súas plantas en México, comprometeuse a producir coches eléctricos en Estados Unidos. Tamén insinuou que poderían ampliar a factoría que posúen en Tennessee, onde traballan 3.200 persoas e na que se fabrica o modelo Passat.

Comentarios