As festas en Downing Street durante o confinamento poñen a Johnson na picota

A moción de censura planea sobre el tras a confesión no Parlamento.
EuropaPress_4190331_handout_12_january_2022_united_kingdom_london_uk_prime_minister_boris
photo_camera Boris Johnson, dando explicacións esta cuarta feira no Parlamento británico (Foto: Jessica Taylor / Parlamento británico)

O cerco sobre o primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, que esta cuarta feira admitiu que asistira a unha festa en Downing Street durante o primeiro confinamento pola pandemia da Covid, estréitase cada vez máis. Acurralado polas críticas, tamén desde as filas do Partido Conservador, pódese enfrontar a un abano de escenarios que van desde a moción de censura até a dimisión.

As regras do Partido Conservador estipulan que se pode activar o mecanismo da moción se 15% dos parlamentarios tories así o queren. O número crucial agora é 54, dado que actualmente hai 360 deputados conservadores, logo que Anne Marie Morris fose apartada por votar en contra do Goberno.

Neste caso, Johnson tería que obter o apoio de polo menos a metade dos seus deputados, 180, para permanecer á fronte do Executivo e ficaría exento de ser sometido a outra moción de censura durante un ano.

Outro dos posíbeis escenarios para Johnson é que os propios tories o conviden a marchar. Opción coñecida como unha visita dos "homes de traxe gris", segundo explica o diario The Guardian, que matiza que, malia que este método xa non se utiliza, un primeiro ministro conservador aínda pode ser destituído mediante a "presión informal". Serían os líderes da formación conservadora os encargados de elixir un sucesor, nunha reunión a porta fechada.

A ex primeira ministra Theresa May sobreviviu a unha moción de censura en decembro de 2018, polo que ficou oficialmente "a salvo" para os seguintes 12 meses. Porén, cos 'rebeldes' do seu partido presionando por mudanzas e no marco de repetidas humillacións a conta do Brexit, May anunciou o 24 de maio de 2019 que abandonaría o posto dúas semanas despois. A decisión precipitouse despois dunha reunión con Graham Brady, líder do chamado Comité 1922 ─os homes de traxe gris─, que ten o poder de cuestionar o poder conservador e resolver os conflitos que poidan xurdir .

Candidatos

Johnson tamén podería decidir simplemente dimitir por non querer someterse a unha moción de censura. A prensa inglesa asegura que os días de Johnson á fronte do Executivo de Reino Unido están contados e xa se barallan os nomes do ministro de Finanzas, Rishi Sunak, e da xefa da diplomacia, Liz Truss, como posíbeis substitutos.

Até o momento, a opinión pública coñece 12 supostas festas ou reunións do Goberno británico celebradas durante os confinamentos, con numerosas persoas "bebendo e bailando". Johnson participou na do 20 de maio xunto a unha trintena de persoas.

Comentarios