Fermín Muguruza: “Otegi é un gran líder, no sentido máis zapatista da palabra”

Neste #sermos187, que sae esta quinta feira, entrevistamos o irundarra a raíz do seu último traballo, 'Nola?'. Publicamos aquí a súa resposta a unha das preguntas, relativa á saída do cárcere do seu amigo Arnaldo Otegi.

fermin muguruza
photo_camera fermin muguruza

No número 187 do semanario Sermos Galiza [a partir desta quinta feira na nosa loxa e quioscos] entrevistamos Fermín Muguruza, cantante e músico vasco co que falamos do seu último traballo, 'Nola?'. Cunha amplísima traxectoria de máis de 30 anos na liña da fronte, tanto en solitario como en proxectos como Kortatu ou Negu Gorriak, falamos co irundarra de música, de política e de moito máis... Aquí, achegámosche un bocadiño da conversa - centrado na saída da cárcere do seu amigo Arnaldo Otegi- que mantivemos con el. 


- Xa para rematar, é difícil non preguntarche pola recente saída de Otegi da cadea. Ademais, tiñades unha estreita relación e lideraches a campaña internacional #FreeOtegi. Cres que se abre unha etapa de esperanza? Como o viviches?

- Otegi é amigo persoal, politicamente e xeracionalmente. Temos unha visión política moi próxima e esa admiración que nos temos mutua soúbose reflectir no feito de que el viñera a presentacións de discos. Sempre me gustou esa idea de político do pobo, da fábrica, do creador, que vai aos actos. Acórdome do ano 2002, cando presentei o disco 'Inkomunikazioa', que o gravara con xente de Madrid, Hechos contra el Decoro, e chegou á presentación e eles quedaron impresionados, parecíalles moi raro que un líder chegara alí a saudar e a estar con nós. Esa imaxe que eu sempre teño do movemento negro, cando Muhammad Ali de súpeto saía dun combate de boxeo e ía con Malcolm X e con Marvin Gaye, e estaban alí todos xuntos, antes e despois do combate. Ese encontro de xente diferente encántame, paréceme un movemento dun pobo que abrangue os diferentes sectores.

“Estivo 14 anos da súa vida na cadea, sempre pola transformación social, pola liberación nacional e volveu a saír con ese ímpetu e con esa enerxía que tivo sempre”

Nese sentido, cando o encarcelaron, pensei que tiñamos que facer unha campaña internacional inspirada na campaña de Angela Davis, que se chamaba 'Free Angela and All Political Prisoners'. Custounos un tempo ideala, pensala, porque tiña que ser a nivel internacional, e chegar á xente de todo o mundo, explicarlle á xente quen era Arnaldo Otegi. Cando tivemos tantas sinaturas a nivel internacional de tanto peso, estaba Angela, pero tamén Pepe Mújica, Desmond Tutu, Leyla Zana, presentamos a campaña no Parlamento Europeo, e tocoume a min facer a campaña como promotor. Aquí, no País Vasco, os que agarramos o relevo non fomos políticos, senón xente da creación, do mundo da cultura e da arte.

A visita que non puido ser

Durante cinco anos prohibíronme visitalo. Ao fin déronme permiso e fun, con Angela Davis até a porta, e a pesar de que nos deran permiso tres meses antes, denegáronnolo, pero aínda así convertiuse nun exemplo moi grande do que é a situación no Estado español. E tamén de como ningunea persoas dese peso, de tanto recoñecemento, prohibíndolle unha visita de 40 minutos, que é o que nos permiten.

“Quero saudar a todos os presos políticos de Galiza, porque son presos políticos, non nos podemos esquecer deles”

A miña relación coa familia de Otegi é moi estreita, e a véspera fomos a unha viliña perto de Logroño, Oion, na Rioxa alavesa. Ao día seguinte fomos recollelo, levámolo a Elgoibar. Eu estiven tocando nese primeiro recibimento en Elgoibar, e foi moi emocionante, el é un gran líder, no sentido de que conecta coa base, co sentir do pobo, coas súas alegrías, coas súas dores; non no sentido que di “Seguideme”, senón no sentido máis zapatista da palabra. É unha persoa que di “estes son os obxectivos que nos marcamos porque vós sodes os que mos estades marcando”. Arnaldo Otegi é un dos grandes líderes que temos, a nivel mundial incluso. Por iso me enorgullezo de que o teñamos aquí, no País Vasco. É unha persoa que estivo seis anos e medio preso, pero antes estivo outros oito, é un 'freedom fighter', poderiamos denominar, é unha persoa que estivo 14 anos da súa vida na cadea, sempre pola transformación social, pola liberación nacional, e volveu a saír con ese ímpetu e con esa enerxía que tivo sempre.

“Arnaldo vai ser de grande axuda para que todo o proceso de paz que temos pendente en País Vasco avance”

É unha grande alegría que el saia, tamén reivindicando a liberación do resto dos presos políticos do País Vasco; e eu quero saudar a todos os presos políticos de Galiza, porque son presos políticos, non nos podemos esquecer deles. Arnaldo vai ser de grande axuda para que todo o proceso de paz que temos pendente en País Vasco avance, para que os presos políticos vascos volten a casa e que avancemos na consecución da independencia do noso país, e conseguir un país socialista tamén. Mais, como el propio diría, vaiamos paso a paso. 

Comentarios