Protesto no Perú

O feminicidio aumenta en América Latina

Dados da ONU poñen de manifesto que o feminicidio aumentou en América Latina e que os procesos xudiciais contra os culpábeis seguen a ser escasos. Hai, segundo as Nacións Unidas, un 98% de impunidade. Precisamente, o Perú convocou para este domingo un protesto contra o asasinato de mulleres.

Violencia machist_ONU
photo_camera Violencia de xénero no mundo

Centos de mulleres son asasinadas en América Latina e no Caribe polo feito de seren mulleres. O feminicidio, segundo advirte a ONU, non deixa de medrar nestes territorios e a cifra de impunidade é alarmante: o 98% dos crimes fican sen resolver e os culpábeis non pagan pena ningunha polos asasinatos.

Entre os países cos índices máis altos atópanse Guatemala, O Salvador e Honduras

Segundo as Nacións Unidas, os índices máis altos do planeta rexístranse en Guatemala –con 262 asasinatos de mulleres no último ano-, no Salvador –onde só entre o 1 de xaneiro e o 5 de febreiro deste ano foron asasinadas 53 mulleres- e en Honduras –con 11 de cada 100.000 mulleres asasinadas. A Arxentina e México tamén presentan cifras alarmantes, tal e como recolle a ONU. Precisamente, en México, as migrantes que tratan de atravesar a fronteira que as conduce cara aos Estados Unidos sofren vexacións de todo tipo ao longo do seu camiño. Violencia, agresións, abusos e mesmo o asasinato son frecuentes.

As cifras da ONU indican que unha de cada tres mulleres no mundo sufriu violencia machista e que 2.600 millóns de mulleres viven en países onde non está penalizada (só 52 países en todo o mundo penalizaron a violencia de xénero). Advirte, ademais, que 14 dos 25 países con maior taxa de feminicidios están en América Latina. Xa desde 2012, a Comisión Interamericana de Mulleres alertou de que os crimes estaban a acadar “niveis próximos aos de pandemia”.

A batalla contra o feminicidio

Cada vez é maior a concienciación contra o patriarcado e movementos sociais en distintos países de América Latina organizáronse para esixir a fin da violencia contra as mulleres. Neste contexto, as rúas de Lima acollerán este domingo unha manifestación que se prevé masiva contra o feminicidio.

No Perú, en seis anos foron asasinadas 795 mulleres

De acordo cos dados do Observatorio de Criminalidade do Ministerio Público do Perú, entre 2009 e 2015 rexistráronse 10 mortes de mulleres ao mes. Nese período, un total de 795 mulleres foron vítimas de feminicidio. O 60% contaba entre 18 e 34 anos e o 57% foi asasinada na súa vivenda.

As penas irrisorias ditadas por xuízos nas últimas semanas provocaron a convocatoria da manifestación.

Comentarios