Felipe VI non viaxará a Barcelona pola "obriga" do Estado de "protexer á monarquía"

O rei acostuma participar na entrega de despachos ás e aos novos xuíces da Escola Xudicial de Barcelona, que terá lugar mañá, mais este ano non acudirá ao acto. O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, non quixo aclarar se a decisión foi da Casa Real ou do Goberno de Pedro Sánchez.
EuropaPress_3334787_rey_felipe_vi_llegada_inauguracion_curso_universitario_2020-2021_escuela
photo_camera Felipe VI, onte, na apertura do curso universitario. (Foto: Casa Real / Europa Press)

O rei Felipe VI non visitará Barcelona mañá pola "obriga" do Goberno do Estado español de "protexer á monarquía". Así o explicou esta quinta feira o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, nunha entrevista concedida á cadena SER.

Habitualmente, o monarca asiste á entrega de despachos ás e aos novos xuíces da Escola Xudicial de Barcelona (prevista para mañá) pero este será un ano atípico incluso para iso.

"A decisión tomouse analizando todas as variábeis e tomouna quen a tiña que tomar", respondeu Campo ante as preguntas. 

No entanto, evitou aclarar se esta opción foi elixida desde o propio equipo de Pedro Sánchez ou se foi imposta pola Casa Real.

Sobre as razóns argumentadas para xustificar a ausencia de Felipe VI da cita, o responsábel da área de Xustiza falou da "poderación de bens", afirmando que "hai que sacrificar algo en pro de algo máis seguro".

"Coido que na mente de todas e todos están toda unha serie de circunstancias e variábeis que poderían cuestionar todas e, polo tanto, a maior obriga que ten o Goberno é protexer ás institucións e, sen dúbida, a monarquía o é", destacou.

Neste contexto de dúbidas, Campo pediu que non se "sobredimensionen cuestións", pois malia que sería importante que o rei entregara os despachos e non vai ser posíbel, "o compromiso de Felipe VI coa xustiza é forte". "Non hai ruptura de nada", incidiu.

Comentarios