Felipe González sae en defensa de Banesco e Escotet

O ex presidente español acusa Maduro de “depredar completamente” Venezuela.

felipe

O ex presidente español, Felipe González, saiu na defensa de Banesco e Juan Carlos Escotet a raíz da intervención desta entidade financeira e atacou duramente a Nicolás Maduro, a quen considera responsábel do “ataque político” (en palabras de Escotet) contra o grupo que en 2013 adquiriu Novacaixagalicia para transformala en Abanca.

Nunhas declaracións realizadas nunha entrevista en El País, González carga contra o presidente venezuelano: “Agora parece que os culpábeis son os de Banesco. Sempre hai una permanente persecución na procura dun culpábel. Depredou totalmente o país. O maior culpábel do que acontece é el”.  O ex dirixente socialista fai votos para que Maduro caia e afirma que “o réxime estase a fracturar por dentro. Hai moita xente que non quer seguir con esta farsa”.

O goberno de Venezuela interveu a finais da pasada semana Banesco, Banco Universal S.A, durante 90 días debido, afirman, a unha serie de operacións fraudulentas onde se sospeita que están involucrados directivos desta entidade financeira.

No comunicado oficial do goberno infórmase de que esta decisión se enmarca na operación ‘Mans de Papel’ e que non vai influír nos servizos ordinarios do banco, polo que se fai un chamamento ás persoas que teñan contas e aforros na mesma. No comunicado tamén se indica que esta operación é necesaria para sanear “os ilícitos” da entidade e reconducilos “á normalidade das actividades financeiras”. O Fiscal Xeral Tarek William Saab deu a entender que tales operacións fraudulentas facían parte do "ataque sistemático á moeda nacional", realizado por "mafias económicas".

Comentarios