Feixoo culpa á “irresponsabilidade histórica” do PSOE do adianto electoral en Madrid

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegura que a súa compañeira no Partido Popular Isabel Díaz Ayuso “fixo o que podía facer”. Ademais, afirma que Casado “autorizou” a decisión anunciada onte após os movementos en Murcia, Madrid e Castela e León.

Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa. (Foto: Xunta da Galiza)

A aínda presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, “fixo o que podía facer” ao adiantar as eleccións no territorio. Así se manifestou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira, na que asegurou que a súa compañeira viuse obrigada a actuar pola “irresponsabilidade histórica” do PSOE.

Para Feixoo a convocatoria inesperada responde ao “movemento sísmico” na política española, do que ve culpábeis ao PSOE e á “sorprendente actitude de Ciudadanos”, cuxa “fiabilidade xa non existe”.

Desde o seu punto de vista a “inestabilidade” política non é unha responsabilidade de Ayuso senón do “impulso por parte dun partido de Goberno” de mocións de censura “en cadea” en Murcia, Madrid e Castela e León.

“Non hai unha crise polas eleccións anticipadas senón porque, en plena pandemia, co país coa maior depresión de la Unión Europea e unha escalada imparable de paro, o partido de Goberno se comporta cunha irresponsabilidade histórica”.

Segundo engadiu, a súa compañeira estaba “preavisada” do que ía ocorrer e por iso actuou como o fixo, convocando eleccións antes do previsto, co visto e prace de Pablo Casado.

Ante a situación, Feixoo confesouse asombrado. “Non deixo de asombrarme de que poida vivir nun país no que o Goberno, en vez de tranquilizar, sexa o primeiro instigador da inestabilidade política do país”, engadiu, lamentando este “tipo de xogos”.

Na Galiza celebra o “caudal de confianza” que acadou nos pasados comicios. “Creo que os galegos acertaron”, rematou.

Comentarios