Federico Franco asegura que vetará a candidatura de Lugo nas eleccións presidenciais

O actual presidente de Paraguai, Federico Franco, asegurou que vetaría unha posíbel candidatura do destituído Fernando Lugo pois di que procura "manchar" os comicios que terán lugar no país o vindeiro ano.
Fernando Lugo
photo_camera Fernando Lugo

Após facerse co goberno mediante un xuízo político pouco rigoroso na práctica, Federico Franco, advertiu nunha conferencia o pasado sábado que non permitiría a Fernando Lugo presentarse ás eleccións presidenciais de 2013. As declaracións de Franco prodúcense após anunciar Lugo que procuraría recuperar o goberno "por vías democráticas". Neste sentido, e malia que a Constitución do Paraguai impide aos presidentes seren re-elixidos, non dispón nada a respecto daqueles que fosen sometidos a un procedemento de impeachment sen rematar o seu mandato. No entanto, Fernando Lugo aínda non presentou a súa candidatura formalmente.

Segundo o actual presidente --que asegurou respectará "a Constitución e as leis"-- o obxectivo do ex-bispo sería procurar apoio na Unasur de se producir a impuganción da súa candidatura e evitar que se recoñeza a validez das eleccións. Porén, Franco advertiu --adiantándose aos acontecementos-- que impediría tamén a entrada ao país de observadores internacionais procedentes da Unasur pois ao seu entender, esta organización "non é neutral" e atópase controlada polo presidente venezolano, Hugo Chávez, e a ALBA.

As mobilizacións sociais marcan a oposición ao goberno
Após ser destituído Fernando Lugo, sucedéronse no país --e fóra das súas fronteiras-- numerosas manifestacións de apoio, porén tamén se veñen sucedendo importantes mobilizacións sociais en contra dos incumprimentos do novo goberno. Neste sentido, a pasada semana Paraguai viviu unha nova onda de manifestacións obreiras e campesiñas contra a política de retención do pagamento aprobada polo executivo de Federico Franco.
A diminución do comercio exterior após o bloqueo internacional que sucedeu a destitución de Fernando Lugo, está a prexudicar a política gobernamental que ve reducidos de maneira notábel os seus ingresos. Aliás, os retrasos no pagamento das axudas sociais postas en marcha polo presidente Lugo, e o xa endémico problema da propiedade da terra están a ser as principais reivindicacións nos procesos mobilizadores.

Comentarios