A Federación Sindical Mundial expresa o seu apoio ao pobo catalán

A organización internacional, que representa a 92 millóns de traballadoras e traballadores, denuncia “as prácticas autoritarias e o terrorismo do goberno de Rajoy”. 

fsm
photo_camera George Mavrikos, secretario xeral da Federación Sindical Mundial

Na escalada de reaccións internacionais diante da brutal represión coa que o goberno español, tencionou impedir a realización do referendo de autodeterminación de Catalunya, o pasado domingo 1 de outubro, e após o éxito da folga xeral nacional do día 4, a Federación Sindical Mundial vén de difundir un comunicado en apoio ao pobo catalán.

O secretariado da FSM, que representa a máis de 92 millóns de traballadores e traballadoras en 126 países de todo o planeta, expresou a súa “denuncia máis rotunda” diante dos acontecementos sucedidos durante a xornada electoral do 1-O, “onde as forzas represivas do Estado español feriron, agrediron e detiveron a cidadáns de Catalunya que querían expresar libre e democraticamente as súas opinións”. “O movemento sindical de clase de todo o mundo, afiliado á grande familia clasista da FSM, denuncia as prácticas autoritarias e o terrorismo do goberno de Rajoy en contra do seu propio pobo”, acrecentan. 

A organización reitera tamén o seu apoio ao dereito de autodeterminación. “A FSM, fiel aos seus principios fundadores, apoia o dereito de cada pobo de decidir libremente sobre o seu presente e futuro”, conclúe a declaración. 

Comentarios