Jabier Salutregi, director de Egin

“O feche de Egin procuraba afogar a esquerda abertzale”

Jabier Salutregi foi director do diario Egin desde 1991 até o seu feche xudicial, do que veñen de facerse 20 anos. Un feche ilegal, segundo ditou o Tribunal Supremo en 2009, que provocou o seu ingreso en prisión durante sete anos e medio. Explícito e directo, Salutregi analisa nesta entrevista o papel que esa hoxe extinta cabeceira xogou en Euskal Herria e deita tamén algunhas reflexións sobre o momento político que se vive en Euskadi. Eis un extracto da conversa publicada no número 309 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Berria] Jabier Salutregi
photo_camera [Imaxe: Berria] Jabier Salutregi

4-17.23.14Como e para que nace o diario Egin?

O xornal nace en 1977, apenas dous anos despois da morte do ditador Francisco Franco, e pola vontade dunha morea de persoas que diante de estar a recibir información nesgada e franquista consideran que xa é hora de dispor duns medios de comunicación próximos a este pobo, e que ofrezan información máis veraz e cun punto de vista referenciado no pobo vasco e para o pobo vasco. Xúntanse, faise unha campaña cunha derrama popular na que cada quen achega o diñeiro que pode e quere e confórmase a empresa editora da que nace o xornal Egin, que sae o 29 de setembro de 1977. Eran momentos de efervescencia política e entón o xornal xorde con ímpeto, con ganas e con vontade nacional vasca e configúrase como un periódico nacional, con visión de Euskal Herria. A súa saída ten un impacto moi forte e fai tremer as estruturas xornalísticas do momento, logrando que outros medios, mesmo os máis franquistas, comecen a mudar e modular o xeito de informar, porque hai unha contrainformación.

A quen lle molestaba máis o contradiscurso xornalístico de Egin? Á dereita posfranquista ou a sectores do nacionalismo vasco tradicional?

Apuntas moi ben a cuestión. Ao principio, o xurdimento de Egin comeza a molestar, pero non tanto ao nacionalismo tradicional vasco, que é unha dereita paternalista, que representa fundamentalmente o PNV. De feito, en paralelo ao nacemento de Egin, [o PNV] promove a creación de Deia. É dicir, que teñen máis menos o mesmo impulso, que é facer contrainformación. Ao españolismo, desde a UCD de Adolfo Suárez e xa non digamos Alianza Popular e demais, si que lles molesta, e moito, porque crían que aquilo [a Transición] ía ser tocar o violín e seguir no valse do posfranquismo. E claro, un xornal como Egin, inda que era pequeno e moi acoutado xeograficamente, moléstalles. Xa nos primeiros consellos de ministros [da democracia] comeza a falarse do feche do xornal, mais nesa altura a "democracia española" era moi incipiente e non se atreveron a fechar nada.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 309 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios