Estados Unidos

Por que o FBI rexistrou a casa de Donald Trump de Mar-a-Lago?

O ex presidente estadounidense está a ser investigado pola subtracción de documentos oficiais, algúns deles clasificados, da Casa Branca.
Helicópteros do FBI aterran sobre a mansión de Mar-a-Lago, en Palm Beach. (Foto: Trump White House Archive)
photo_camera Helicópteros do FBI aterran sobre a mansión de Mar-a-Lago, en Palm Beach. (Foto: Trump White House Archive)

Case dous anos após a súa saída da Casa Branca, o ex presidente estadounidense Donald Trump segue a acaparar o foco mediático nos Estados Unidos. O magnate está a ser investigado no Congreso polo seu papel no asalto ao Capitolio e agora o FBI pon tamén o foco na súa figura.

Na tarde desta segunda feira axentes federais irromperon nunha das súas propiedades, a mansión de Mar-a-Lago, en Palm Beach (Florida), como parte dunha investigación sobre as acusacións de ter subtraído documentos de Washington, segundo informa o xornal USA Today.

"Esta redada non anunciada na miña casa non foi necesaria nin apropiada", asegurou Trump, sobre quen paira a acusación de apropiarse de información que podería estar clasificada e que, nese caso, suporía unha violación grave da lei.

O Arquivo Nacional denunciou a subtracción de documentos meses atrás

O FBI precisa dunha autorización xudicial para efectuar un rexistro destas dimensións, e para iso o xuíz ou xuíza debe achar indicios da comisión dun delito, algo que aconteceu meses atrás cando o denunciou o Arquivo Nacional.

Porén, Trump insiste en que esta investigación busca pór trabas á súa hipotética candidatura presidencial en 2024: "Trátase dunha mala praxe da Fiscalía, da instrumentalización do sistema de Xustiza e dun ataque por parte dos demócratas da esquerda radical que queren evitar desesperadamente que me presente, sobre todo a raíz das últimas enquisas", dixo.

O rexistro na súa vivenda prodúcese no mesmo día no que o medio de comunicación Axios publicou unha serie de imaxes de notas, presuntamente do ex presidente, lanzadas ao retrete da Casa Branca.

Entre os documentos que Trump tería intentado eliminar estarían unha carta de Kim Jong-un e outra que o ex presidente Barack Obama lle tería enviado cando tomou posesión do seu cargo.

Comentarios