O FBI investiga varios casos de persoas negras colgadas en árbores

Son catro mortes sospeitosas en California, Texas e Nova York. No caso das dúas primeiras, a hipótese que se manexou nun primeiro momento foi o suicidio, e nas outras dúas aínda non se desbota.
2020061614252147811
photo_camera Manifestantes en Seattle cunha bandeira dos EUA coas cores panafricanas (Paul Christian Gordon / dpa)

O FBI abriu investigacións, en principio, por dous casos de persoas negras que apareceron mortas penduradas de árbores nos últimos días en diferentes puntos dos Estados Unidos, segundo anunciaron nas últimas horas as autoridades locais.

Unha das vítimas chámase Robert Fuller, de 24 anos. Foi atopado colgado cunha corda a semana pasada perto de Palmdale, unha cidade de máis de 150.000 habitantes nos arredores de Los Angeles, California. A hipótese que se manexou nun primeiro momento foi o suicidio, mais familiares e activistas denunciaron que iso era imposíbel, e a causa oficial da morte aínda non se fixo pública.

O máximo representante das forzas de seguridade nesa demarcación, o sheriff do condado de Los Angeles, Alex Villanueva, prometeu levar a cabo unha investigación "exhaustiva" da man do FBI e do fiscal xeral de California, Xavier Becerra.

"A investigación da morte obviamente é de gran preocupación para a comunidade, non só de Palmdale, senón de toda a nación. Robert Fuller era un home novo na flor da súa vida, e a morte del obviamente é dolorosa para moitas persoas", dixo Villanueva en conferencia de prensa.

Centos de residentes de Palmdale participaron en vixilias e protestas durante a fin de semana e aseguraron que a morte  de Fuller foi un linchamento produto da tensión que se vive nos Estados Unidos polas denuncias da brutalidade policial contra as minorías raciais, especialmente a afrodescendente.

Tres casos máis

O caso de Fuller fixo que outro recente falecemento en circunstancias similares dun home negro, Malcolm Harsch, de 38 anos, volvese captar atención. Harsch apareceu o pasado 31 de maio aforcado cun cable USB dunha árbore en Victorville, tamén en California. A familia del e algunhas organizacións desbotaron a posibilidade do suicidio, como no caso de Fuller.

Outros dous sucesos de persoas negras penduradas en árbores, en Houston (Texas) e no barrio de Manhattan, en Nova York, ocorreron nos últimos días, mais non se ten constancia polo momento de que o FBI os estea a investigar. Tampouco se coñece a causa oficial das mortes.

Todos estes episodios coincidiron no tempo coa vaga masiva de protestas tras a morte o pasado 25 de maio de George Floyd en Minneapolis. As manifestacións estendéronse  a unhas 650 cidades nos 50 estados do país.

Comentarios