A fauna salvaxe, a outra vítima da Covid

A actual pandemia está a pór en risco a supervivencia de numerosas especies xa ameazadas. As corentenas e a redución do turismo que financia parques nacionais en varios países deixaron estes animais sen protección ante cazadores furtivos ou incendios. Unha alianza internacional acaba de aprobar un fondo de axuda.

2020080514371769387
photo_camera Os cairos de elefante son o obxectivo dos cazadores furtivos. Entre 2007 e 2014, foron cazados unha media de 55 exemplares diarios (un.org)

No mes de abril, o Goberno do Brasil fechou os parques nacionais e outras zonas protexidas onde habitan numerosas especies de fauna salvaxe, algunhas en risco de extinción. Traballadores e investigadores tiveron que abandonar as instalacións debido ás corentenas decretadas a nivel local, deixando proxectos de conservación e de recuperación de animais ao pairo.

Tamén en moitos países africanos, a pandemia está a afectar a fauna salvaxe. Os parques naturais onde viven especies ameazadas como rinocerontes, elefantes ou xirafas fináncianse principalmente co diñeiro que proporciona o turismo, que este ano se está a ver reducido drasticamente. 

Nalgúns casos, as medidas de emerxencia para conter o espallamento da Covid-19 tamén levaron á redución do orzamento dedicado á vixilancia destas zonas protexidas, como patrullas  contra incendios. Nos últimos meses rexistrouse un aumento de desmontes ilegais e de caza furtiva. 

Por exemplo, en Suráfrica nove rinocerontes foron abatidos durante o confinamento e en Botswana, outros seis. Tamén en Etiopía produciuse en xuño a matanza de seis elefantes nun só día, en comparación cos dez cazados en todo 2019. O corno dos primeiros e os cairos dos segundos son obxecto de desexo por motivos ornamentais ou polo seu uso nas medicinas tradicionais.

Co fin de paliar esta situación, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) anunciou esta semana a apertura dun fondo de emerxencia de seis millóns de euros, financiado por unha alianza internacional entre a Unión Europea e a Organización de Estados de África, do Caribe e do Pacífico e que xestionará a propia UICN.

A UICN, con sede en Suíza, foi fundada en 1948 e é a maior organización ambiental do mundo, con máis de 1.400 membros gobernamentais e non gobernamentais en 170 países (entres estes o galego Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental, Ceida). A UICN encárgase de elaborar a Lista Vermella de Especies Ameazadas e a Lista Vermella de Ecosistemas. 

"A pandemia deixou as comunidades locais que protexen a fauna salvaxe loitando por gañar a vida, e moitas especies ameazadas cada vez máis desprotexidas", afirmou o director da UICN, Bruno Oberle, nun comunicado aos medios. 

Pola súa banda, a comisaria europea de Colaboración Internacional, Jutta Urpilainen, declarou que o fondo "dará un apoio chave e urxentemente necesario ás comunidades locais en primeira liña da conservación da biodiversidade, garantindo ao tempo o completo respecto aos dereitos humanos". Ademais, "apoiará as patrullas anti cazadores furtivos como resposta ao risco no aumento" destes casos.

Dos seis millóns de euros do fondo, un terzo empregarase no programa Xestión da Biodiversidade e das Áreas Protexidas (Biomapa, polas siglas en inglés), que financiará arredor de 60 proxectos. Os catro millóns restantes irán destinados ao plan quinquenal (2017-2021) SOS African Wildlife, que conta xa con orzamento da Comisión Europea a través da iniciativa B4Life.

Urpilainen salientou que a protección da fauna salvaxe é unha ferramenta esencial para previr as enfermidades zoonóticas. Este, canda a protección das especies ameazadas da África subsahariana e Madagascar, é un dos obxectivos do novo fondo. 

Tamén o percorrido inverso: a transmisión de enfermidades de humanos a animais salvaxes, especialmente os grandes simios. Paradoxalmente están expostos a seren infectados con diferentes coronavirus que nas visitas aos seus hábitats portan os investigadores ou os turistas.

A bile do oso negro, utilizada en varios países asiáticos para tratar o coronavirus

As recomendacións das autoridades sanitarias dalgúns países asiáticos desde o comezo da pandemia para tratar a Covid-19 con inxeccións de bile de oso tibetano ─tamén coñecido como oso negro asiático ou oso do Himalaya─ provocaron as queixas das organizacións internacionais de dereitos dos animais.

A China prohibiu a venda de animais salvaxes con fins alimenticios en febreiro debido ao risco de transmisión zoonótica, mais a Comisión Nacional de Saúde emitiu en marzo unhas recomendacións que incluían inxeccións do composto Tan Re Qing, cuxos ingredientes son a bile de oso, o corno de cabra e tres tipos de herbas.

Secretada polo fígado e acumulada na vesícula biliar, úsase na medicina tradicional chinesa desde o século VIII. Tamén noutros países como Vietnam ou nas dúas Coreas, aínda que no primeiro prohibiuse en 2005. Na China estabeleceuse un protocolo para evitar o sufrimento dos animais durante o doloroso proceso de extracción, porén varios estudos estabeleceron que este se incumpre de forma sistemática.

Comentarios