A UPG, presenza galega en Bogotá

As FARC son agora a Forza Alternativa Revolucionaria do Común

Era algo máis que un debate nominal. As FARC continuarán a ser as FARC. Manteñen as súas siglas -só que agora significan Forza Alternativa Revolucionaria do Común- e o seu compromiso revolucionario. Así o decidiu, e por ampla maioría, o Congreso do novo partido xurdido da guerrilla latinoamericana máis veterana, a que combateu durante 50 anos e non foi vencida militarmente. Unha delegación galega, da UPG, estivo presente no conclave, que conclúe esta sexta feira.

IVAN
photo_camera Iván Márquez, no uso da palabra

A tese de Luciano Marín, máis coñecido como Iván Márquez, acabou prevalecendo no Congreso e o novo partido manterá as siglas da guerrilla. Así o defendeu Márquez desde hai semanas, o que o distanciou neste asunto do líder da milicia Rodrigo Londoño Timochenko, quen até abriu un inquérito en Twitter para decidir a nova denominación, partidario como era de a mudar pola de Nova Colombia.

O disenso saldouse democraticamente, cunha votación gaña por maioría polo sector que defendía o mantimento das siglas históricas. Esta posición obtivo o apoio de 628 delegadas e delegados, en tanto que 264 votaron a prol da denominación Nova Colombia.

O confronto revela diferenzas tácticas, non tanto estratéxicas. O núcleo arredor de Iván Márquez quer salientar o compromiso do novo partido cos seus sinais de identidade revolucionarios, asumindo con naturalidade e até con orgullo o seu legado guerrilleiro. A liña de Timochenko, sen renegar do pasado, puña máis a énfase na necesidade de, através da mudanza nas siglas, achegarse a sectores da esquerda colombiana historicamente distantes da loita armada.

En todo caso, Timochenko esforzouse por fixar a imaxe dunhas FARC que saen unidas do seu congreso fundacional. Fíxoo cun chío en que aparece fotografado con Iván Márquez, quen se perfila como o referente orgánico da nova formación.

 

Alén do nome, as FARC dotáronse tamén de logotipo, unha estrela vermella no corazón dunha rosa, pousada sobre as siglas en cor verde da organización.

FARC

A UPG, presenza galega no Congreso.

No Congreso fundacional das FARC como partido político houbo presenza galega, a da UPG, que acudiu a Bogotá como organización convidada. Este partido integrado no BNG estivo representado no conclave por Moncho Boán, membro da súa Secretaría de Relacións Internacionais.

Moncho Boán trasladou ao Congreso das FARC o apoio e solidariedade da militancia da UPG e o "desexo de que este novo instrumento partidario do que decidiron dotarse, permita avanzar na loita social e política por unha Colombia libre do xugo imperialista, verdadeiramente soberana e na que sexa posíbel rematar coa explotación e avanzar na superación da orde social capitalista e na construción dunha nova sociedade".

Comentarios