Após máis de cinco décadas de loita armada

As FARC culminan esta semana o proceso da súa transformación nun partido político

A maior guerrilla de América Latina vaise tornar esta semana nun partido político. As FARC-EP realizan en Bogotá un congreso en que materializarán a súa aposta polas vías estritamente parlamentares e de mobilización social como meio para alcanzar o poder e construír o socialismo. As FARC manterán a súa definición como forza revolucionaria e o debate en curso atinxe os movimentos tácticos que lle caben facer para ampliar a súa base de sustentación social.

FARC
photo_camera Un momento do congreso fundacional das FARC como forza política

Por volta de mil delegadas e delegados, 200 convidados e até 400 xornalistas, asistirán até esta sexta feira 1 de setembro ao congreso fundacional das FARC (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia) como nova forza política da esquerda transformadora latino-americana. O conclave, cuxo lema é Por un goberno de transición para a reconciliación e a paz, ten lugar no Centro de Convenciones Gonzalo Jiménez de Quesada de Bogotá.

O Congreso irá definir quer os postulados ideolóxicos da formación -que manterá a súa aposta na construción do socialismo- quer o programa eleitoral a curto prazo quer a marca -as siglas- coas que a organización concorrerá previsibelmente nos comicios lexislativos axendados en Colombia para 2018.

Todo indica que o debate se centra na maior ou menor aposta por procurar complicidades en sectores populares non comprometidos, durante as cinco décadas de proceso revolucionario en Colombia, coa vía armada protagonizada polas FARC. Os sectores máis ortodoxos preconizan o mantimento das siglas -que pasarían a significar Fuerzas Alternativas Revolucionarias de Colombia- entanto que os máis renovadores defenden que a organización se dote dunha nova marca para ser máis competitiva na area eleitoral. Aparentemente ao fronte daqueles se situaría Luciano Marín, coñecido como Iván Márquez, en tanto que o actual líder da guerrilla, Rodrigo Ledoño Timochenko, estaría máis ben polo aggiornamento, pola posta ao día, das FARC.

De facto, Timochenko puxo en marcha na súa conta twitter un inquérito con distintas alternativas para a denominación do novo partido, entre elas, a súa favorita, a de Nova Colombia. O resultado da votación tería sido favorábel ás súas teses, como se ve no chio que achegamos a seguir:

 

Alén do debate da marca, existe tamén incerteza sobre a lideranza futura do partido, sendo que o estado de saúde de Timochenko -até a realización do congreso achábase en Cuba, onde segue un tratamento médico- está lonxe de ser o óptimo para dirixir unha organización política que ten como albo a conquista do poder político e a transformación radical da sociedade colombiana.

Comentarios