"A falta de seguridade é algo cotián", din os empresarios galegos en México

Na pasada fin de semana foi asasinado no seu estabelecemento Carlos Estévez, emigrado desde Avión.

O director xeral de Emigración, esta terza feira, na súa visita á sede da Fegave en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O director xeral de Emigración, Antonio Rodríguez, esta terza feira, na súa visita á sede da Fevega en Vigo. (Foto: Europa Press)

O empresario natural de Avión Carlos Estévez foi asasinado a tiros o pasado domingo en Cidade de México após ser asaltado nun estabelecemento da súa propiedade. Tratábase, segundo explicou o seu fillo aos medios de comunicación, da lavandaría privada dun dos seus hoteis.

Esta terza feira a Xunta da Galiza ofreceu o seu "apoio e colaboración" ao Consulado do Estado español en México e á familia do empresario, e constatou a "preocupación" dos galegos residentes nese país.

Así o trasladou o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, en declaracións aos medios durante a súa visita á sede da Federación Venezolana da Galiza (Fevega) en Vigo.

Rodríguez Miranda, que precisamente nos próximos días viaxará a México, lembrou que as xestións e competencia sobre este suceso recaen no Executivo estatal, a través da oficina consular.

A Xunta, dixo, alén de "estar á beira da familia" e trasladar o seu "pesar" por este falecemento, contactou tanto co consulado como co Concello de Avión para ofrecer a súa "total colaboración".

O Goberno galego tamén mantén contacto "permanente" coas agrupacións de galegos en México, afirmou o secretario de Emigración, nomeadamente con entidades empresariais que comunicaron a súa "preocupación constante" porque "a situación de falta de seguridade no país é algo bastante cotián".

Na mesma liña, admitiu que "é unha realidade" que grupos criminais extorsionen empresarios en México para ofrecerlles protección a cambio de diñeiro.

Comentarios