Falece en prisión o líder histórico de Sendero Luminoso, Abimael Guzmán

Guzmán, de 86 anos, cumpría cadea perpetua desde 1992 por terrorismo, acusado da morte de 30.000 persoas asasinadas por Sendero Luminoso.
Abimael Guzmán nunha imaxe de arquivo (Foto: El Comercio / Zuma Press / ContactoPhoto).
photo_camera Abimael Guzmán nunha imaxe de arquivo (Foto: El Comercio / Zuma Press / ContactoPhoto).

Abimael Guzmán, fundador do grupo armado marxista-leninista-maoísta Sendero Luminoso faleceu aos 86 anos no cárcere de máxima seguridade onde cumpría cadea perpetua desde o seu arresto en 1992.

Precisamente, este 12 de setembro fanse 29 da súa captura, nunha casa do distrito de Surquillo, en Lima. Guzmán, coñecido polo nome de guerra camarada Gonzalo, foi o líder da guerrilla activa en Perú principalmente nas décadas de 1980 e 1990. 

A actividade de Sendero Luminoso comezou a decaer tras a súa detención, mais desde finais da década de 1970 e durante os anos 80 foi autora de continuos ataques contra as forzas de seguridade do Estado.

Mais tamén de masacres con numerosas mortes de civís nas zonas rurais do Perú, como o de Lucanamarca, onde 69 labregos foron asasinados por executar un comandante da organización.

Guzmán foi sentenciado a cadea perpetua por un tribunal militar. Con todo, o Tribunal Constitucional anulou a sentenza e ordenou un novo xuízo civil. Finalmente, en 2006 foi condenado á mesma pena polo delito de terrorismo contra o Estado.  

Reaccións

Segundo confirmaron as autoridades, Abimael Guzmán faleceu este sábado, un día antes do aniversario da súa captura, "debido ás complicacións do seu estado de saúde". O motivo desa deterioración, precisaron outras fontes, é que se negaba a inxerir alimentos desde o pasado 13 de xullo, o que obrigou o seu internamento nun centro sanitario do que xa recibira a alta.

As principais autoridades políticas de país pronunciáronse sobre a morte de Abimael Guzmán. O presidente peruano, Pedro Castillo, acusado pola oposición de afinidade co grupo armado, expresouse en Twitter: "Faleceu o xefe terrorista Abimael Guzmán, responsábel da perda de incontábeis vidas dos nosos compatriotas. A nosa posición de condena ao terrorismo é firme e  indeclinábel. Só en democracia construiremos un Perú de xustiza e desenvolvemento para o noso pobo".

A presidenta do Congreso, María del Carmen Alva, lembrou ás vítimas de Sendero Luminoso. "Morreu o terrorista Abimael Guzmán. Os testemuños dos orfos, viúvas (que tamén perderon fillos) e de cantos viron morrer a alguén a mans de Sendero Luminoso desgarráronnos a alma. Penso neles, nas vítimas do terrorismo, a quen aínda lles debemos tanto", publicou Alva. 

Pola súa banda, o ministro de Economía e Finanzas, Pedro Francke, destacou que "Sendero Luminoso asasinou miles de inocentes e socavou a paz do país. O horror desa época non o esquecemos, e a súa morte non borrará os seus crimes". 

Críticas desde a oposición

Doutra banda, a líder do partido opositor Fuerza Popular, Keiko Fujimori, asegurou que "Abimael e Sendero Luminoso non morrerán mentres o Estado non tome medidas definitivas para desterrar a súa ideoloxía sanguenta e a quen a promove".

Para a que foi candidata á Presidencia do país, a ideoloxía do grupo terrorista e dos seus promotores "infíltranse" a día de hoxe no Goberno da nación.

Comentarios