Falece o príncipe Felipe, duque de Edimburgo

A Casa Real británica comunicou na sexta feira o falecemento do príncipe Felipe, duque de Edimburgo.

O duque de Edimburgo (Imaxe: Allan Warren).
photo_camera O duque de Edimburgo (Imaxe: Allan Warren).

Faleceu na mañá da sexta feira, 9 de abril, o príncipe Felipe, duque de Edimburgo, despois de permanecer semanas ingresado nun hospital. Informou da súa morte a Casa Real británica nun comunicado.

O consorte da coroa británica contaba con 99 anos e casou coa raíña Isabel en 1947, despois de rexeitar o seu título de príncipe de Grecia e Dinamarca, de terse convertido ao anglicanismo e de adoptar o apelido Mountbatten.

Naceu en Grecia en 1921 tras a abdicación do seu tío, Constantino I de Grecia, en 1922 foi sacado do país e oito anos despois viaxou ao Reino Unido para estudar, aínda que alternou a illa e Alemaña.

Tras participar na Segunda Guerra Mundial ao servizo da Coroa británica e logo de renunciar á nacionalidade grega e ao seu título de príncipe heleno, contraeu matrimonio coa aínda princesa Isabel en 1947.

Logo da morte do rei inglés en 1952 e do ascenso de Isabel II ao trono, asumiu funcións públicas, acompañando a raíña nas súas viaxes pola Commonwealth.

O duque de Edimburgo causou polémicas coas súas constantes declaracións racistas. Pertencía a unha familia con fortes lazos coa Alemaña nazi e, de feito, formouse no plan de estudos das Xuventudes Hitlerianas.

En 2017, decidiu retirarse da vida pública e celebrou o 70 aniversario da súa voda coa raíña, a primeira monarca británica en lograr a conmemoración. Morreu dous meses antes de chegar aos 100 anos.

Comentarios