Falece o xornalista de investigación de 'Egin' Pepe Rei, que foi represaliado polo seu traballo

O profesional de orixe galega, que marchou a Euskal Herria atopando alí o seu espazo, despuntou por tratar temas como os do cuartel de Intxaurrondo. Ao sacar á luz distintas leas viuse afectado por querelas e detencións.
O xornalista Pepe Rei. (Foto: Jon Urbe / Naiz.eus)
photo_camera O xornalista Pepe Rei hai varios anos. (Foto: Jon Urbe / Naiz.eus)

O xornalista ourensán mais afincado en Euskadi Pepe Rei finou esta terza feira aos 73 anos de idade. Segundo adiantou Naiz.eus, o profesional da comunicación tivera unha longa convalecencia por un accidente de tráfico no que se viu afectado en 2002.

Ese incidente fixo que se apartara da súa paixón, o xornalismo, pero a súa voz seguía moi presente na profesión. Especial pesar teñen dentro da comunidade de 'Egin', onde o galego tivo un papel destacado polas súas reportaxes de investigación.

Malia que Rei pasou por outros medios como Ardi Beltza -fechado por orde xudicial igual que Egin- e Interviú, a maior parte das súas principais pezas foron publicadas en Egin.

Desde a súa área de investigación sacou á luz asuntos de grande polémica que tiñan no centro aos poderes e principais esferas da sociedade española e vasca. Isto, aló polos anos 80, implicou que fora vítima de represalias sendo detido e padecendo numerosas querelas.

Por exemplo, lembra Naiz.eus que o seu despacho en Hernani chegou a ser rexistrado en 1994 e que foi “perseguido” até 2007 -mesmo estando xa apartado do xornalismo- ao ditarse unha condena por “calumnias” ao que fora xefe do cuartel de Intxaurrondo, Enrique Rodríguez Galindo.

Nos seus textos, Rei tiña denunciado incansábelmente as actividades “delitivas” que decorrían na instalación, chegando a falar mesmo de “torturas”.

Con motivo do seu pasamento, lémbrase que a pesar das súas orixes galegas, este escritor marchou a Euskal Herria porque alí estaba o seu espazo quer no profesional, quer no político.

Comentarios