Perfil

Falece Maza, fiscal xeral do Estado e “azote” do procés

O fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, faleceu na tarde do pasado sábado, día 18, debido a unha infección renal que sufriu en Bos Aires cando participaba nun encontro de fiscais. Malia non facer un ano no cargo, adquiriu sona polos atrancos que puxo ao procés soberanista catalán.

De la Maza_confilegalCOM

O 25 de novembro de 2016 José Manuel Maza convertíase no novo fiscal xeral do Estado, elixido para loitar contra o procés soberanista. Moi conservador e cun grande afán de protagonisto, traballaba até ese momento na sala segunda do penal do Tribunal Supremo, a onde accedera en 2002, cando o PP gobernaba con maioría absoluta e había maioría conservadora no Consello Xeral do Poder Xudicial.

Aliñado coa dereita xudicial, xa en 2002 era coñecido como un maxistrado de posicionamentos moi duros. De feito, impulsou a Unión Xudicial Independente, unha escisión pola dereita da Asociación Profesional da Maxistratura. Xa anteriormente, destacara por ser unha das voces máis críticas coa política de xustiza do goberno de Felipe González, ao que chegou a acusar de “non ter vergoña”.

Durante o proceso xudicial contra o xuíz Baltasar Garzón pola súa investigación sobre os crimes do franquismo, Maza considerou que os delitos contra os cargos franquistas xa prescribiran ou foran amnistiados. Aliás, acusara Garzón de crear máis frustración nos familiares das vítimas do franquismo.

Maza considerou que os delitos contra os cargos franquistas xa prescribiran ou foran amnistiados

En 2015 formou parte da maioría do Supremo que se opuxo ao indulto ás persoas condenadas por se concentraren ao redor do Parlament catalán en 2011 e foi un dos xuíces que votou en contra da anulación da condena a 119 anos de prisión a Itziar Alberdi, acusada de pertenza á ETA e que, segundo o alto tribunal, foi condenada por falta de probas. Aliás, foi crítico coa lexislación en seguridade viaria por ser demasiado estrita cos condutores e por provocar, ao seu ver, que a presunción de inocencia perdera garantías.

Contra o procés

Mais se por algo foi coñecido o fiscal foi pola loita contra o procés catalán. O 2 de xuño pedía que se investigase Artur Mas, Francesc Homs, Irene Rigau e Joana Ortega perante o Tribunal de Contas por presunta responsabilidade contábel, acusados de gastar 5,2 millóns na consulta do 9 de novembro de 2014.

Non tardou en anunciar unha querela contra os membros da Mesa do Parlament que impulsaran a tramitación da lei de referendo do 1 de outubro malia a prohibición do Tribunal Constitucional. Acompañara esta querela doutra contra todos os membros do Govern da Generalitat, acusados de desobediencia, prevaricación e malversación.

Tamén se dirixiu ao major dos Mossos d’Esquadra, Josep Lluís Trapero, para que puxera no seu coñecemento calquera acto dirixido á organización da consulta do 1-O que puidese constituír un delito.

Se por algo foi coñecido o fiscal foi pola loita contra o procés catalán

Aliás, abríronse dilixencias de investigación contra alcaldesas e alcaldes independentistas que estaban dispostas e dispostos a cederen locais municipais para a celebración do 1-O, un asunto que está pendente de xudicialización. A presidenta da Asociación de Municipios pola Independencia, e alcaldesa de Vilanova i la Geltrú, Neus Lloveras, e o presidente da Associació Catalana de Municipis de Catalunya e primeiro edil de Premià del Mar, Miquel Buch, tamén foron acusados pola Fiscalía de desobediencia, prevaricación e malversación.

Após o 1-O, Maza actuou contra os responsábeis da Asemblea Nacional Catalá, Jordi Sánchez, e de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, -ambos os dous en prisión- por un presunto delito de sedición. Máis tarde actuou contra Oriol Junqueras e os consellers do Govern –parte deles no cárcere-, aos que acusaba de rebelión, sedición e malversación. Sobre o resto do gabinete encabezado por Carles Puigdemont, en Bruxelas, pesou a solicitude de entrega cunha orde europea de detención.

Comentarios