Falece o histórico dirixente do PNV Xabier Arzalluz

O veterano líder jeltzale, retirado da política desde hai anos, morreu aos 86 anos. É o pai do moderno PNV.

arz0001_27603_1

Xabier Arzalluz (Azkoitia, 24 de agosto de 1932) faleceu na mañá desta quinta feira en Bilbo aos 86 anos de idade. Dirixiu o PNV entre 1980 e 2004. “Déixanos unha persoa, un jeltzale [militante do PNV] e un abertzale exemplar”, manifestaron desde o Partido Nacionalista Vasco, que fala de “día de máxima tristeza”.

Polémico e polemista, de discurso claro e contundente, Arzalluz gostou de oficiar sempre de nexo de unión entre o sector autonomista e o independentista do PNV. 

Nacido nunha familia de ideoloxía carlista, estudou cos xesuítas en Durango, para despois estudar dereito, filosofía e teoloxía. En Alemaña preparou unha tese sobre a democracia cristiá alemá. En 1968 entrou no entón clandestino PNV, en 1971 xa lideraba o PNV en Bizkaia. Deputado no Congreso dos Deputados (1977-1979), foi o presidente do Euskadi Buru Batzar (EBB) e líder do PNV, entre 1980 e 2004.

En 2017, e despois de anos de retiro, reapareceu no Aberri Eguna (Día da Patria Vasca). Consciente da súa imaxe en España, declarou ese día: "Pasarei á historia como un malvado". Nos 80 e 90 exerceu en máis dunha ocasión de látego da esquerda abertzale, da que chegou a dicir que a súa patria non era Euskadi senón Cuba. Xa retirado, visitou Atrnaldo Otegi cando estaba preso e dixo del que era "un patriota digno de respeto e admiración".

Comentarios