Falece en Barcelona o ex presidente de Angola José Eduardo dos Santos

Tiña 79 anos e levaba anos a tratarse dun cancro.
O ex presidente de Angola, José Eduardo dos Santos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente de Angola, José Eduardo dos Santos. (Foto: Europa Press)

O Goberno angolano anunciou esta sexta feira o pasamento do ex mandatario José Eduardo dos Santos, que ocupou a presidencia do país entre 1979 e 2017. Dos Santos, que contaba con 79 anos de idade, atopábase nunha clínica de Barcelona, onde estaba a tratarse dun cancro diagnosticado anos atrás.

"O Executivo da República de Angola trae ao coñecemento da opinión pública nacional e internacional, con gran dor e consternación, a morte da súa Excelencia o ex Presidente da República, o Enxeñeiro José Eduardo dos Santos, ocorrida hoxe ás 11.10, hora española, certificado polo informe médico da clínica en Barcelona tras enfermidade prolongada", reza un comunicado.

Neste sentido, o Goberno angolano destaca, "co maior respecto e consideración", a "figura dun estadista de gran dimensión histórica, que gobernou durante moitos anos con claridade e humanismo os destinos da nación angolana, en momentos moi difíciles".

 Após coñecerse o falecemento do ex dirixente, comezaron a sucederse as mostras de condolencia e lamento polo falecemento do histórico mandatario.

Unha vida dedicada a Angola

José Eduardo dos Santos naceu en Luanda, na antiga África Occidental Portuguesa, o 28 de agosto de 1942. Desde moi novo comezou a militar no Movimento Popular de Libertaçao de Angola (MPLA), un organismo que participou activamente na guerra de independencia do país africano entre 1961 e 1974, e posteriormente na guerra civil que sufriu Angola entre 1975 e 2002.

Como militante do MPLA, fixo parte das accións armadas do movemento para acadar a independencia, antes de exercer diferentes responsabilidades como representante internacional do Movemento en Iugoslavia, República Democrática do Congo e a República Popular de China

Unha vez conseguida a independencia, exerceu como ministro de Planeamento antes de suceder en 1979 o primeiro presidente de Angola, Agostinho Neto. Asumiu a Presidencia o 21 de setembro de 1979, cargo que ocupou até outubro de 2017, cando tivo que dimitir e exiliarse no Estado español polos continuos escándalos de corrupción denunciados pola oposición angolana.

Durante o seu extenso mandato, dos Santos tivo que facer fronte a unha guerra civil de case 23 anos, entre os partidarios do MPLA e a União Nacional para a Independência Total de Angola (UNITA). O conflito rematou despois de que o MPLA asasinase o líder do UNITA, Jonás Savimbi.

Comentarios