Faise un ano desde o encarceramento en Polonia, sen ningún cargo, do xornalista vasco Pablo González

Actualmente, González encóntrase nun cárcere a 100 quilómetros de Varsovia, onde pasa 23 horas fechado nunha cela e só pode saír unha hora ao día, pero non ver a ningún outro recluído.
O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).
photo_camera O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).

No marco da crise ucraína, un dos maiores escándalos sobre a liberdade de expresión na Unión Europea cumpre esta terza feira un ano.

O xornalista vasco Pablo González foi arrestado en febreiro de 2022 polos Servizos de Seguridade Interior de Polonia, acusado de ser espía ruso.

González naceu en Moscova, pero aos nove anos trasladouse coa súa nai para vivir ao Estado español, polo que ten dobre nacionalidade, dous pasaportes e dous nomes distintos: Pavel e Pablo, feito que lles xerou dúbidas ás autoridades polacas, que sospeitan dos seus datos de identificación.

Actualmente, González atópase nun cárcere a 100 quilómetros de Varsovia, onde pasa 23 horas por día fechado nunha cela e só pode saír unha hora, pero non ver a ningún outro recluído. Ademais, non se lle permite facer nin unha chamada á súa parella, Oihana Goiriena, e fillos.

Goiriena asegura que o máis difícil é a incomunicación e a necesidade de explicar a situación a tres nenos menores "que non entenden como é posíbel que non poidan falar co seu pai".

Durante este ano de prisión, diferentes organizacións de xornalistas levaron a cabo protestas pedindo pola liberdade de González.

“Unha auténtica barbaridade”

Juan Teixera, compañeiro do xornalista, cualificou a situación de González como "unha auténtica barbaridade" e un "atropelo total e absoluto" aos seus dereitos e á liberdade de expresión.

Pola súa parte, Polonia continúa indagando sobre as dúas nacionalidades de González, mentres a súa defensa recalca que todas esas dúbidas xa foron aclaradas e con todo, un ano despois, o xornalista segue en prisión sen ningún cargo.

Desde o Executivo de Pedro Sánchez sosteñen que respectan a Xustiza polaca. Sánchez asegurou que o reporteiro recibe asistencia consular e que desde o Ministerio e o Goberno permanecen pendentes e seguen o caso con suma atención.

Con todo, os familiares de González afirman que o máis duro é convivir co case continuo silencio institucional e piden que se respecten os dereitos fundamentais.

Petición de Amnistía Internacional

Amnistía Internacional pediu que o cesamento do réxime de illamento e que se proceda á posta en liberdade, á espera de xuízo, do xornalista.

Desde Amnistía Internacional destacaron que o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos estabelecen que "toda persoa debe ser informada o máis rapidamente posíbel dos motivos da súa detención, así como de todos os seus dereitos para poder impugnala".

Ademais, precisaron que "as persoas acusadas de delitos penais non deben, por regra xeral, permanecer baixo custodia á espera de xuízo", senón que "recoñecen explicitamente a posta en liberdade da persoa estando suxeita a garantías para comparecer no xuízo como a liberdade baixo fianza ou a obrigación de presentarse ante as autoridades".

A organización remarcou que a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (UE) e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos afirman que o dereito á asistencia letrada "configúrase, ademais, como un dereito a unha representación efectiva e non soamente á mera presenza dun avogado".

“Trato inhumano”

Por último, Amnistía Internacional advertiu de que negar as visitas pode equivaler a "un trato inhumano". "O Tribunal Europeo recoñeceu que as leis ou regulamentos insuficientemente precisos que permiten restricións non razoábeis das visitas familiares violan o dereito á vida privada e familiar", explicou.

Comentarios