"Facer que Europa volva ser grande"

Parafraseando o "Make America great again" de Trump, o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, recibe hoxe, 1 de abril, en Budapest o seu homólogo polaco, Mateusz Morawiecki, e o líder da Liga italiana, Matteo Salvini, co fin de construír unha dereita na UE para "os que non queren inmigrantes, nin a tolemia LGTBI".
EuropaPress_3628483_31_march_2021_italy_rome_italys_league_party_leader_matteo_salvini_speaks
photo_camera O soño de Salvini –na imaxe, en Roma, nunha conferencia de prensa– é unir os dous grupos da extrema dereita na Eurocámara (Roberto Monaldo / Lapresse)

"Traballo, prosperidade, seguridade, identidade, familia, educación, defensa, migración, política exterior, cooperación sanitaria" e, en resumo, "as vidas reais da nosa cidadanía". Estes todos son os temas, segundo Matteo Salvini, que pretenden abordar tres dos principais líderes da extrema dereita na UE este 1 de abril nunha xuntanza.

Budapest será o escenario da reunión trilateral entre o italiano, líder da Liga, e os primeiros ministros de Polonia e de Hungría, Mateusz Morawiecki e Viktor Orbán, respectivamente. Segundo se pode ler no comunicado de prensa emitido polo Goberno anfitrión, o obxectivo último é negociar unha "alianza política a nivel europeo". 

Orbán e Salvini ─lembra o comunicado─ xa mantiveron unha xuntanza virtual a comezos de marzo sobre diversos temas, como as políticas sobre familia. Agora, "porase o foco en crear unha alianza a nivel europeo entre o partido de Goberno en Hungría, Fidesz, a Liga de Italia e o partido PiS [Lei e Xustiza, nas siglas en polaco] de Polonia".

Nunha entrevista concedida á axencia oficial de noticias húngara, MTI, Salvini manifestou que o seu soño é unir os dous grupos da extrema dereita na Eurocámara, Identidade e Democracia (ID) e Conservadores e Reformistas (ECR, polas siglas en inglés en que é coñecido) para formar o segundo grupo político máis grande en Bruxelas, que ─parafraseando o "Make America Great Again" de Trump─ "faría que Europa volvese ser grande, regresando aos seus valores orixinais".

Nin inmigrantes nin gais

O Parlamento Europeo está conformado por sete grupos políticos, mais un mixto de "non inscritos" (NI). Por orde de representación son: o Partido Popular Europeo (conservadores, 187), Socialistas & Demócratas (socialdemócratas, 147), Renovar Europa (liberais, 98), ID (extrema dereita, 76), Os Verdes/Alianza Libre Europea (ecoloxistas e nacionalistas de esquerda, 67), ECR (extrema dereita, 61), A Esquerda (eurocomunistas, 38) e NI (desde comunistas a nacionalistas de dereita, 29).

A web da Cámara mantén esta clasificación. Non recolle aínda a saída do Fidesz húngaro do Partido Popular Europeo (PPE) anunciada a comezos de marzo. Os seus 11 representantes foron recalar no grupo mixto. Polo tanto, o PPE baixa a 176 representantes, e a suma de toda a extrema dereita ─ID, ECR e os 11 eurodeputados de Fidesz─ colocaría este novo grupo segundo, con 148 membros, un por riba do S&D.  

A decisión de Orbán de abandonar o PPE chegou inmediatamente despois da votación interna que abría a porta á expulsión de Fidesz polo seu controvertido historial. O primeiro ministro húngaro declarou na altura: "Temos que construír unha dereita europea democrática que acolla os que non queren inmigrantes, os que non queren multiculturalismo, os que non descenderon á tolemia LGTBI, os que defenden as tradicións cristiás de Europa, os que respectan a soberanía das nacións, e os que ven as súas nacións non como parte do pasado, senón como parte do seu futuro".

E Salvini, máis comedido ante os medios, sinalou esta semana que "Europa será diferente despois da Covid-19, e teremos a oportunidade de repensar a identidade de Europa", recolleu Magyar Nemzet (diario conservador, próximo a Fidesz). A UE "debe atopar a súa alma", engadiu, sinalando que "non pode ser simplemente un supermercado ou un centro de negocios". 

"Novos valores e novos obxectivos" serán os que recolla a folla conclusións da xuntanza que, de acordo coas declaracións de Morawiecki recollidas pola canle polaca TVN24 (crítica co Goberno), farán fincapé en "cuestións políticas" e de "organización". 

O Goberno polaco teima no seu obxectivo de sacar o país da Convención de Istambul

O Parlamento polaco debate a norma "Si á Familia, Non ao Xénero", que busca sacar o país da Convención do Consello de Europa sobre a prevención da violencia contra as mulleres (Convención de Istambul). Impulsará no seu lugar unha "convención internacional sobre os dereitos da familia" tradicional. Tras ser rexeitada pola Cámara baixa, foi enviada a revisión nas últimas horas a varias comisións parlamentarias.

Ademais, a Comisión Europea anunciou na cuarta feira, 31 de marzo, que levará a Polonia ante o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) para protexer a independencia xudicial e do estado de dereito no país. Alí pedirá medidas cautelares para suspender a lei sobre o Poder Xudicial. A reforma desta norma, impulsada hai un ano, inclúe medidas disciplinares contra os maxistrados que acudan ao TXUE para expor cuestións prexudiciais sobre normas polacas.

Comentarios