"Extrema preocupación" ante o recruar do conflito na rexión etíope de Tigray

Nacións Unidas intensificou esta terza feira os sinais de alerta ante a situación de vulnerabilidade da poboación civil polos combates en Tigray, no norte de Etiopía. Un enfrontamento entre o Executivo central e o deste territorio gobernado por nacionalistas de esquerdas, que cren que o "federalismo étnico" instaurado en 1994 está en cuestión.
Persoas refuxiadas tigriñas no campo sudanés de Um Raquba. (Foto: Europa Press)
photo_camera Persoas refuxiadas tigriñas no campo sudanés de Um Raquba (Will Carter / NRC)

Máis de 40.000 persoas refuxiadas de Etiopía ─case a metade, menores─ chegaron ao Sudán desde que o novo conflito armado estalou a principios de mes na rexión setentrional etíope de Tigray, informou onte a Axencia da ONU para os Refuxiados (Acnur).

Tigray é o foco das hostilidades entre a Fronte Popular de Liberación de Tigray (popularmente,  Weyane, partido no poder neste territorio fronteirizo co Sudán e Eritrea) e o Exército etíope. 

"Os refuxiados que foxen dos combates chegan esgotados e con poucas pertenzas tras un longo camiño", alertaba xa a semana pasada Babar Baloch, portavoz de Acnur. Engadía que o ritmo do éxodo "abafou rapidamente a capacidade de resposta humanitaria sobre o terreo".

Tamén a Oficina da Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos leva días alertando da situación, tras recibir informes de asasinatos masivos no poboado de Mai-Kadra. "Se as forzas nacionais e rexionais de Tigray e as forzas do Goberno etíope continúan por ese camiño, existe o risco de que esta situación se saia totalmente de control", dixo a Alta Comisionada, Michelle Bachelet.

Neste sentido, o secretario xeral da ONU, António Guterres, mostrouse hoxe "extremadamente preocupado" pola seguridade dos civís. O bloqueo case total das comunicacións ─dixo─ impide prestar asistencia humanitaria urxente, e as últimas informacións sitúan máis de medio millón de persoas atrapadas en Mekelle, capital de Tigray. Por iso, pediu ás partes que garantan de forma "urxente" a "circulación libre e segura dos civís que foxen en busca de seguridade e asistencia, a través das fronteiras internacionais e nacionais, independentemente da súa identificación étnica".

Tamén a Unión Africana designou tres mediadores para o conflito. Porén, o Goberno etíope anunciou nas últimas horas que non permitirá que visiten Tigray. 

O actual conflito remóntase ao 4 de novembro, cando o primeiro ministro etíope, Abiy Ahmed, anunciou o inicio dunha ofensiva contra o Weyane en resposta a un suposto ataque ─que o Weyane negou─ contra unha base do Exército federal en Mekelle.

Federalismo etíope

É a culminación dun pulso que comezou coa asunción en 2018 de Abiy, primeiro xefe de Goberno de etnia oromo. O Weyane ─nacionalista de esquerdas─ foi o partido forte dentro da coalición que gobernou Etiopía desde 1991, a Fronte Democrática Revolucionaria do Pobo Etíope (Fdrpe), baseada nas etnias.

Tigray é unha das 12 unidades federais de Etiopía (dez Estados rexionais e dúas cidades), que desde 1994 se rexe por un sistema denominado "federalismo étnico", onde a cada un dos pobos máis numerosos ─oromo, amhara, somalí e tigriña─ lle corresponde un dos Estados rexionais principais. En Tigray, 95% da poboación é tigriña e desde a súa fundación está gobernado polo Weyane.

A chegada ao poder de Abiy en 2018 supuxo a fin do control do Weyane da Fdrpe e numerosas mudanzas, como a fusión desta no Partido da Prosperidade (PP). O Weyane viu en reformas como as relativas a abusos de dereitos humanos e de reconciliación con grupos armados unha 'caza de bruxas' contra os seus dirixentes, apartados dos seus cargos. 

O Weyane fundouse en 1974, impoñéndose unha corrente marxista interna que priorizaba a autodeterminación fronte a loita de clases como medio para a revolución. Cando a Xunta Militar comunista (1974-1991) do coronel Mengistu Haile Mariam ─condenado en 2007 a cadea perpetua por xenocidio─ se fixo co poder, o Weyane uniuse á guerra que os independentistas de Eritrea mantiñan contra Etiopía desde 1961. Mengistu foi derrocado en 1991 e estabeleceuse un sistema federal no país.

Recentralización

Abiy chega ao Goberno en 2018. Un ano despois é galardoado co Nobel da Paz "pola súa decisiva iniciativa para resolver o conflito fronteirizo coa veciña Eritrea" e outros procesos rexionais, segundo o Comité Noruegués.

A nivel interno salientáronse entón as súas "importantes reformas que levan moitos cidadáns á esperanza dunha vida e dun futuro mellores". Nos seus primeiros cen días de Goberno, Abiy levantou o estado de urxencia, amnistiou miles de presos políticos, suavizou a censura, legalizou grupos opositores, afastou dirixentes sospeitosos de corrupción e aumentou a representatividade das mulleres nas esferas de poder.

O Weyane, porén, considera as políticas do PP recentralizadoras e a morte do "federalismo étnico", porque Abiy tamén se mostrou duro no mantemento da unidade federal de Etiopía. Así, por exemplo, en xullo de 2019 mobilizou o Exército para sufocar as reclamacións autonomistas do pobo sidama. Aquelas revoltas acabaron con ducias de mortos.

Refuxiadas vítimas de violencia machista

Dentro da preocupación expresada onte, a ONU puxo o foco sobre a non satisfacción das necesidades reprodutivas das mulleres. O centro de saúde máis próximo capaz de proporcionar tratamento tras unha violación ou atención obstetricia está a 40 minutos do campo de Um Raquba, no Sudán, onde se concentran a maioría das persoas fuxidas de Tigray. Segundo datos da ONU, máis de 700 mulleres das recentemente chegadas están embarazadas, e pode haber unhas 150 superviventes de violencia machista que precisan asistencia. "A situación destas mulleres e nenas é extremadamente difícil, e hai un trauma xeneralizado. Estamos a  traballar urxentemente cos nosos asociados para prestar servizos de saúde sexual e reprodutiva que salvan vidas e apoio psicosocial para protexer mulleres e nenas dos danos", dixo a directora executiva do Fondo de Poboación da ONU (Unfpa), Natalia Kanemv.

Comentarios