A explotación sexual na crise de persoas refuxiadas

A Organización Internacional para as Migracións (OIM) advirte do incremento de mulleres procedentes de Nixeria que están a chegar ás costas de Italia e denuncia que o 80% delas se atopan en situación de trata. 

Refuxiada_ACNUR
photo_camera Muller refuxiada siria [Imaxe ACNUR]

As estatísticas referidas á crise de persoas refuxiadas ocultan en boa medida outros perfís de migrantes que non se correspondan con demandantes de asilo político fuxindo de conflitos armados como os de Siria, Iraq ou Afganistán. Neste senso, a Organización Internacional para as Migracións (OIM) en Italia, publicou co gallo do Día Mundial contra a trata de persoas (30 de xullo) a cifra de mulleres nixerianas que chegaron ás costas italianas nos últimos meses sinalándoas como unhas das principais vítimas de trata con fins de explotación sexual. 

Nos primeiros 6 meses do ano rexistráronse en Italia 3.529 chegadas por vía marítima só de mulleres procedentes de Nixeria

Segundo a OIM nos primeiros 6 meses do ano rexistráronse por vía marítima 3.529 chegadas só de mulleres procedentes de Nixeria dun total de 70.222. Esta cifra contrasta coa do mesmo período de 2015 que se situaba 1.491 e en 2014 en 1.454. 

De acordo coa organización internacional "o 80% das mozas nixerianas son vítimas de trata" e "moitas delas proveñen da rexión de Edo, onde son traídas á escravitude", sinalou o voceiro de OIM de Roma, Flavio Di Giacomo, nun comunicado de imprensa. 

Nunha reportaxe publicada no número 190 do semanario en papel e intitulado Explotación sexual na Galiza afondabamos na realidade das mulleres en situación de prostitución e vítimas de trata no noso país. Neste senso, as organizacións non gobernamentais que traballan con estes colectivos sinalaban Nixeria como un dos principais territorios de orixe xunto con Brasil, República Dominicana e Romanía. 

Os servizos de atención aos que acceden as mulleres vítimas de trata ou en situación de prostitución na Galiza son fornecidos por ONGs ou colectivos sociais, a maior parte relixiosos

A lexislación galega recoñece, desde 2007, as mulleres e nenas en situación de explotación sexual como vítimas de violencia machista. Así as cousas, os servizos de atención aos que acceden son fornecidos por ONGs ou colectivos sociais, a maior parte relixiosos. A administración unicamente financia, baixo a fórmula de subvencións, os proxectos destas entidades privadas. 

Violencia e acoso durante a viaxe

Así as cousas, para alén das consideradas como vítimas de trata con fins de explotación sexual desde ACNUR e Amnistía Internacional denuncian desde o estourido da crise de persoas refuxiadas en 2014 da realidade que atinxe as mulleres e nenas durante as viaxes. Neste senso, aseguran, as que fuxen de Siria ou Iraq, entre outros lugares, sofren violencia, agresións, explotación e acoso sexual durante os deslocamentos cara Europa. Unha realidade que padecen non só por parte das mafias senón tamén da policía e axentes europeos.  

Amnistía Internacional desenvolveu en decembro de 2015 unha serie de entrevistas con 40 mulleres que viaxaban desde Turquía a Grecia, algunhas delas grávidas. Un dos testemuños (23 anos) recompilados explicou como "no hotel de Turquía, un dos homes que traballaba co traficante, un sirio, díxome que se me deitaba con el non pagaría ou pagaría menos". Unha realidade que "nos pasou a todas en Xordania". Outra muller, de 20 anos, relatou como "o traficante me acosaba, tentou tocarme varias veces [...] estaba morta de medo". Relatos que se repiten tamén nos campamentos habilitados en territorio comunitario. 

Comentarios