O Centro Europeo de Enfermidades alerta de maior risco de contaxios no Nadal

A axencia europea apunta que as restricións adoptadas polos Estados membros da UE nas últimas semanas levaron a unha "tendencia xeral decrecente na taxa de notificación" de novos casos.
EuropaPress_3469032_hombre_recibe_prueba_pcr_dispositivo_cribados_masivos_barrio_raval
photo_camera O aumento das probas de detección do coronavirus permitiron controlar os contaxios (Foto: Europa Press)

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) alertou a semana pasada de "riscos adicionais significativos" das festividades de fin de ano, como o Nadal, notando que o aumento das infeccións de Covid-19 é "moi probábel" nesta época.

"A probabilidade de infección con SARS-CoV-2 durante a próxima época festiva de fin de ano é considerada moi elevada tanto para a poboación en xeral como para os individuos vulnerábeis", avisa o ECDC nun informe divulgado na sexta feira sobre o risco de transmisión da Covid-19 relacionado coa época festiva de fin de ano.

No documento, esta axencia europea apunta que as restricións adoptadas polos Estados membros da UE nas últimas semanas levaron a unha "tendencia xeral decrecente na taxa de notificación" de novos casos.

Porén, "a transmisión do SARS-CoV-2 na UE e no Reino Unido permanece elevada en comparación cos baixos niveis observados durante o verán", observa o ECDC, falando de "riscos adicionais significativos para unha transmisión intensificada" durante o Nadal.

Cansazo da poboación

Isto porque "a época festiva de fin de ano está tradicionalmente asociada a actividades tales como reunións sociais, compras e viaxes".

Alén diso, existe un "factor agravante" relacionado com a "fatiga pandémica", na que "algunhas persoas están desmotivadas a seguir as medidas de protección recomendadas, especialmente durante este período".

O centro europeo deixa, por iso, un aviso reforzado aos países: "Levantar as medidas demasiado cedo resultaría nun aumento de casos e hospitalizacións e isto sería particularmente rápido se as medidas fosen levantadas abruptamente".

Comentarios