Expertas da OMS afirman que o "desastre global" da Covid-19 "era evitábel"

O grupo de profesionais independentes que analiza a crise do coronavirus desde hai meses a petición da Organización Mundial da Saúde avisa de que o mundo ten que prepararse para evitar que unha futura enfermidade desemboque nunha pandemia.
Campaña de vacinación contra a Covid-19 en Tailandia. (Foto: Amphol Thongmueangluang / SOPA Ima / DPA)
photo_camera Campaña de vacinación contra a Covid-19 en Tailandia. (Foto: Amphol Thongmueangluang / SOPA Ima / DPA)

“O mundo precisa un novo sistema internacional de preparación para unha pandemia e resposta, e necesita unha rápida, para deter no futuro os brotes de enfermidades infecciosas antes de converterse en pandemia catastróficas”. Esta é unha das conclusións que tirou un panel de expertas e expertos independentes contactados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) despois de estudar a actual crise sanitaria.

Así o aclarou esta cuarta feira a co presidenta do grupo, Ellen Johnson Sirleaf, que ademais advertiu de que o “desastre global” que provocou a Covid-19 era “evitábel”. Explicou que a estratexia de protección non funcionou ben e “se non actuamos para cambialo agora, non nos protexerá da próxima ameaza”.

Para a representante das profesionais se as advertencias tiveran sido atendidas, se evitaría “a catástrofe na que nos atopamos hoxe”.

Sobre os erros cometidos, falou por exemplo de que desde a notificación dos primeiros casos até a declaración de Emerxencia de Saúde Pública de Importancia Internacional pasou un tempo “demasiado longo”. Na opinión do colectivo, febreiro de 2020 xa puido ser un mes no que moitos estados tomaran as primeiras medidas de control.

No documento que presentaron aclaran que "a preparación foi inconsistente e con fondos insuficientes" e puntualizan que o sistema de alerta "era demasiado lento e demasiado dócil". Ao tempo que vían “pouco poder” da OMS para encabezar a estratexia tamén notaban “ausente” o liderado político global na procura de solucións eficaces para xestionar os efectos do virus.

En canto á distribución da vacina, os expertos laméntanse de que é "descaradamente inxusta e non estratéxica". Ante as novas variantes, exixen reducir prazos.

Liberar licencias e prepararse

Doutra banda, opinaron que os principais países produtores de vacinas e os fabricantes deberían reunirse, baixo os auspicios conxuntos da Organización Mundial da Saúde e a Organización Mundial do Comercio, para chegar ao acordo de liberar as licencias dos fármacos e transferir a tecnoloxía a outras zonas do mundo para acelerar a produción.

De cara ao futuro, no estudo insistiron en que “o mundo non pode permitirse o luxo de centrarse só na Covid-19. Debe aprender desta crise e planifique a próxima. Por iso nosas recomendacións céntranse na futuro”.

Ao seu parecer, o coronavirus “foi unha terríbel chamada de atención". "O mundo necesita espertar e comprometerse con obxectivos claros, recursos adicionais, novas medidas e un forte liderado para prepararse para o futuro”, resumiron.

Comentarios