O ex-ministro Hamon gaña as primarias do PS francés cun discurso de esquerda

O bretón impúxose (35,2%) a Manuel Valls ( 31,5%) na primeira volta. O terceiro candidato máis votado, Montebourg (17,9%) anunciou voto a favor de Benoît Hamon na segunda volta 

Hamon Francia PS
photo_camera Hamon no feche dun acto das primarias en Toulouse. Imaxe: @benoithamon

Benoît Hamon gañou a primeira volta das primarias do Partido Socialista francés para escoller candidato para as eleccións presidenciais. Con 35,2% dos votos, o ex-ministro de Educación superou o ex-primeiro ministro Manuel Valls, 31,5%. Ambos os dous desputarán este domingo a segunda volta das primarias, pois ningún deles superou 50% dos apoios. O terceiro candidato máis votado foi o ex-ministro de Economía Arnaud Montebourg, que xa anunciou o seu apoio a Hamon, polo que éste ten, en principio, todas as papeletas para ser eleito. "O imperativo que pesa sobre as nosas costas é a unión das esquerdas. Sen esa unión, non haberá solución, entre o candidato liberal brutal que é François Fillon [escollido nas primarias do centro-dereita, en Novembro] e a familia Le Pen", dixo.

Hamon, de por parte, afirmou que nas primarias houbo unha “clara mensaxe de renovación e esperanza, expresaron o desexo de abrir unha nova páxina para a esquerda”, mentres que Manuel Valls afirmou que “na está escrito”. O ex-primeiro ministro xa se puxo en campaña para a segunda volta afirmando que os socialistas terán que escoller o domingo entre “promesas irrealizábeis e unhas esquerda críbel que asuma responsabilidades”.

Coa afirmación “promesas irrealizábeis” Vallas atacaba as propostas que Benoît Hamon fixo durante todas estas semanas, como a creación dun rendemento básico universal ou a semana laboral de 32 horas. Outras propostas foron as de protexer na constitución ‘bens comúns’ como a auga ou o aire. Analistas e medios sitúan este bretón, licenciado en Historia, na liña da esquerda francesa que se inspira en Bernie Sanders  ou Jeremy Corbin.

Nas primarias socialistas, nas que se presentaron sete candidatos, tomaron parte menos de dous millóns de persoas. Nas que decorreron o pasado mes de novembro para elixir o candidato da dereita gala, a participación superou os catro millóns.

Comentarios