Revista de imprensa

Exhibición borbónica nas principais cabeceiras españolas

O réxime de 1978 está obxectivamente en apuros, mais a monarquía dispón dun cinto mediático envexábel. O 50 aniversario de Filipe VI -mascarón de proa do Estado na "batalla de Catalunya"- serve para unha nova profesión de fe dinástica dos meios que aínda detentan a hexemonía nos quiosques.

Felipe VI

Non fai falta ir á cabeceira monárquica por excelencia -o ABC titula hoxe "un gran rei para un gran país"- para achar fervor borbónico nas columnas da imprensa española. Deitemos un ollar no que durante anos foi o libro de cabeceira do progresismo español, El País, e leremos, con chiscadela á épica deportiva, "Felipe VI, o árbitro que pitou fóra de xogo ao secesionismo", un título que ten un aquel de editorial: se é árbitro, daquela estaría a interpretar correctamente o seu rol constitucional, o de moderador dos conflitos coas institucións. En realidade, a maior parte da sociedade catalá (vistos os resultados do 21D), considérao claramente un árbitro caseiro, que toma partido polo forte e que, portanto, se allea o apoio das bancadas.

El País abónase a unha analoxía en forma de tese xa ensaida polos meios monárquicos durante estes últimos meses: o momento fundacional do reinado de Filipe VI sería a súa intervención televisiva de 3 de outubro, 2 días após de miles de catalás e cataláns seren mallados polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Esa alocución sería unha réplica da realizada polo seu pai Juan Carlos o 23 de Estado de 1981 perante o golpe bufo do 23F. Ou sexa, un referendo é idéntico a unha chusca asonada militar.

El Mundo compra a mesma mercadoría e cualifica de "memorábel" aquel discurso post-referendo, unha intervención que -a dicer do articulista Javier Redondo- tería espertado a "sociedade civil" do seu "letargo". Que "sociedade civil"? A que sofreu os mocazos das porras? A que viu horrorizada as imaxes da represión que viraron virais en todo o planeta?

E para non ser menos, e desde as columnas de La Razón, un clásico da caverna, Francisco Marhuenda, evoca o mellor Anson -o grande xornalista monárquico español das últimas décadas, exiliado nas páxinas de El Mundo após rachar con ABC- ao escreber obsequioso: "Don Felipe demostrou que gobernar non lle vén grande, senón todo o contrario".
 

Comentarios