domingo 19.01.2020

O exército ucraíno ten 24h para se retirar de Donetsk

As milicias de autodefensa da recén proclamada República Popular de Donetsk exixen a retirada dos carros blindados e dos bloqueos que impoñen as tropas leais a Kiev

Posto de control das autodefensas en Slavyansk (Donetsk)
Posto de control das autodefensas en Slavyansk (Donetsk)

Tras a declaración de independencia da República Popular de Donetsk, resultante do masivo referendo na rexión no que a opción secesionista logrou o apoio de máis do 90% da poboación, as autodefensas de Donetsk veñen de lle impor ás tropas leais ao goberno golpista de Kiev un ultimatum de 24h para que abandonen o seu territorio. 

"Doulles 24h para que retiren todas as súas tropas" advertiu Sergey Zdrilyuk, subcomandante da milicia pro-autonomía da rexión de Donbass. Segundo recolle RT, de non se producir a retirada do vehículos blindados e dos bloqueos impostos polo exército ucraíno avisan de que exercerán a forza para os expulsar. "Os nosos grupos de recoñecemento e sabotaxe están listos" para "destruír e queimar", acrecentou.

Seguindo o exemplo de Crimea as milicias de autodefensa teñen bloqueadas desde onte dúas das unidades militares ucraínas presentes nas capitais de Donetsk e Lugansk.  Kiev confirmou ademais que o coronel da súa Unidade Territorial no Leste, que controla as tropas nesa área, foi secuestrado.

A pasada segunda feira as Forzas Armadas da nova república xa estabeleceran un utimatum de 48h, por boca do seu comandante Igor Strelkov, para que tanto a oficialidade e soldados ucranianos, así como axentes do Servizo de Seguridade e do Ministerio de Interior de Ucraína, xurasen lealdade ao novo Estado soberano.

comentarios