O exército turco asasinou 448 militantes curd@s desde decembro

O goberno de Ankara mantén o toque de queda en diversas cidades do Curdistán, rexistros e detencións que atinxen a poboación civil, organizacións políticas como o HDP e de defensa dos dereitos humanos.

HWR
photo_camera [Imaxe Human Watch Rights]

Desde que racharon as negociacións entre o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e o goberno de Turquía, o executivo de Tayyip Erdogan iniciou unha "loita contra o terrorismo", en verbas do primeiro ministro, Ahmet Davutoglu, que asasinou nun mes 448 persoas, segundo as cifras fornecidas polo exército turco e recollidas polo diario The Guardian

"Imos continuar a nosa loita contra o terrorismo con grande determinación até que as nosas montañas, chairas e cidades fiquen limpos destes asasinos", dixo Davutoglu nunha entrevista televisiva. 

Unha guerra que no último mes se intensificou coa implementación dunha "política de seguridade" que "restrinxe ilegalmente os dereitos e liberdades fundamentais" da poboación que mora os territorios de Sirnak, Mardin, Diyarbakir, Hakkari e Mus, segundo denuncian as organizacións de dereitos humanos de Turquía, nun chamamento lanzado á comunidade internacional para que cese a represión contra o pobo curdo e se reinicien as conversas de paz. 

Os toques de queda e a denominada política de seguridade turca "restrinxe ilegalmente os dereitos e liberdades fundamentais", denuncian 

As organizacións aseguran que "a situación é grave" e instan as autoridades a identificar e sancionar as violacións de dereitos. 

Execucións, rexistros e detencións

Desde o goberno de Ankara manteñen unha campaña de persecución coa que están a practicar rexistros e detencións mais tamén ataques contra a poboación civil que causaron a morte de centos de persoas en operacións armadas que foron rexistradas por organizacións internacionais como Human Watch Rights. 

Entre as persoas asasinadas atópanse tres activistas e militantes do HDP, asasinadas o 4 de xaneiro na provincia de Sirnak. Seve Demir, integrante do Partido Democrático das Rexións; Fatma Uyar, integrante do Congreso de Mulleres Libres; e Pakize Nayir, co-presidenta da Asemblea do Pobo de Silopi foron vítimas dunha "execución deliberada", denunciou a deputada do HDP, Aycan Irmez. 

Parlamentres pro-curd@s sitúanse tamén no punto de mira do goberno de Erdogan

Nas últimas semanas o presidente turco, Tayyip Erdogan, acusou @s parlamentares pro-curd@s de estaren a actuar como "integrantes dunha organización terrorista" e advertiulles de que os seus cargos "non lles protexerán da xustiza". 

Poucos días despois a sede do HDP en Istambul foi obxecto dun rexistro policial no que 6 persoas resultaron detidas. A operación, defenden desde Ankara, persegue o movemento xuvenil do PKK que vinculan ao HDP. 

Comentarios