Luis Gonzalo Segura: "O Exército non dá un golpe de Estado porque non sería ben visto en Europa"

A finais de xuño a Audiencia Provincial de Madrid absolveu Luis Gonzalo Segura, ex tenente do Exército do Estado, por chamar "corrupto" o xefe da UME. Falamos con el sobre o xuízo, a extrema dereita no Exército e a expulsión do galego Marcos Santos por asinar un manifesto antifranquista.
O ex tenente Luis Gonzalo Segura esta sexta feira. (Foto: Luis Gonzalo Segura)
photo_camera O ex tenente Luis Gonzalo Segura esta sexta feira. (Foto: Luis Gonzalo Segura)

O xuízo ao ex tenente Luis Gonzalo Seguro baseouse no rechouchío en Twitter dunha nova na que falaba da corrupción dentro da UME vencellada á mala alimentación dos militares e sinalaba  o daquela xefe da unidade, tenente xeneral Miguel Alcañiz, ao que Segura definiu como corrupto baseado nesa información.

-Sorprendeulle a acusación por rechouchiar unha nova e acusar de corrupto o xefe da UME?

Si, é moi escandaloso porque neste caso eu creo que son coñecidas e sabidas as deficiencias en canto a alimentación que hai no Exército. No mellor dos casos son neglixencias, e no peor hai unha serie de intereses económicos.

Desde outro punto de vista non me sorprende porque estou a revelar moitas cousas que non lles gusta, é unha forma institucional de reprimir a unha persoa mediante denuncias que buscan o desprestixio persoal, xa que se adoitan acompañar de distintos comunicados e dun afogo económico, desta última acusación absolvéronme, pero non condenaron en costas o Ministerio e terei que pagar o avogado, é bastante duro.

-Denunciaba que a pesar dunha partida de 640.000 euros para a Unidade Militar de Emerxencias había comidas que consistían nun sándwich con catro lascas de chourizo, como funciona este mecanismo?

Hai unha dieta da cal che descontan o diñeiro que se supón que se gasta en darte de comer, pero se gasta menos do que debería ser e neste caso ponse en perigo a vida daqueles militares que están a apagar un incendio, que estes militares teñan que ir comprar comida ou auga porque non lla proporcionan é vergoñento.

Cal é o problema? Que se estás a dar dietas aos militares cada vez que saen fóra, e ao tempo estas gastando 640.000 euros en racións de aprovisionamento, evidentemente a pregunta é, utilizaches as racións de aprovisionamento? Cando? Se gastas 640.000 euros en racións e á vez pagas para que vaian comer teralo que explicar xa que é algo, como mínimo, sospeitoso.

-Que alegou o Exército no xuízo?

Explicou que o tenente xeral non tiña responsabilidade na alimentación. É obvio que o tenente xeral non estaba a repartir bocadillos, mais por suposto que é responsábel, con máis razón se a alimentación é de forma deficitaria, prodúcese así en múltiples ocasións e unidades baixo o seu mando.

-A vostede denunciouno directamente Margarita Robles, a ministra de Defensa?

Si, nin sequer o Ministerio de Defensa, foi ela de forma persoal. É moi surrealista porque falo dun tenente xeral [o xefe da UME] que creo que é maiorciño e conta con ferramentas suficientes como para denunciarme, mais o afectado non me denuncia, é delirante. Que pasa? Eu critiqueina en varias ocasións e a sensación é que se está a perseguir un crítico.

Teño dúbidas de que pesou máis en Robles. Estamos a falar dunha maxistrada que tería que ter coñecemento de que ese chío non era delituoso, e de feito así o ratificou a propia Audiencia Provincial.

-Cal é o custo en vidas da corrupción no Exército?

Falamos dunha auténtica  carnicería, tanto en aeronaves como  vehículos blindados ou con explosivos en mal estado, falamos de centos de vidas, só en vehículos militares faleceron 40 persoas en 30 anos. 

-A extrema dereita está infiltrada no Exército español ou é maioría?

É algo maioritario. Certo é que despois hai moitos matices, moitas veces a ultra dereita trátase coma se fora un ente homoxéneo e non o é. Isabel Díaz Ayuso, Santiago Abascal e un neonazi son ultradereita, mais non teñen nada que ver uns e outros, como hai diferenzas entre Donald Trump e Marine Le Pen.

O que fixen foi analizar unhas 200 seccións electorais con cuarteis cos resultados electorais de 2009 nos que participa Vox por primeira vez, e o que acontece é escandaloso,  nestas seccións atópaste cunha distorsión enorme ao redor da extrema dereita.

-Que risco hai dun golpe de Estado?

No chat no que falan de fusilar 26 millóns de persoas déixano moi claro, e din que non se pode dar un golpe militar porque non sería ben visto en Europa. O que lles frea é que un golpe de Estado non sería ben visto, isto é gravisimo. Porque non significa que non teñan vontade de dalo, senón que o consideran unha boa solución mais que non sería aceptada. O contexto internacional cambia, e se pasan dez anos, nunha Europa coa extrema dereita gobernando en Francia e en moitos países, cun escenario electoral no que unha esquerda (non falo do PSOE) estea a piques de gobernar no Estado...Se cadra iso son circunstancias nas que sería aceptábel para eles o golpe de Estado. Igual que o foi en Bolivia e noutros países. Estamos a xogar con lume.

-Quería preguntarlle pola situación do cabo Santos, os militares retirados do manifesto franquista foron sancionados?

Non sabemos o que pasou con estes militares franquistas porque Defensa alega protección de datos, mais só expulsaron o cabo Santos e de maneira vergoñenta. Se analizamos, por exemplo, o que paso en Francia hai dous meses cando varios militares, entre eles altos mandos, enviaron unha carta ultradereitista, vemos que o xefe do Estado Maior do Exército xa anunciou que serían expulsos. Isto demostra até que punto alí hai unha vontade clara de parar a extrema dereita. En Alemaña disolveron unidades e expulsaron centenares de militares con tendencia ideolóxica ultra dereitista.

-Foi expulsado do Exército por denunciar a corrupción, agora hai persoas nesa situación?

Non o creo. Se hai militares demócratas, quen vai levantar o brazo despois do que pasou co cabo Santos.? Se hai militares honestos que non aceptan a corrupción, quen vai levantar a man despois do que me fixeron publicamente? Estamos a falar de casos para dar exemplo. E isto que supón?, que eses militares demócratas e honestos nunca van dar o paso.

En cambio, os militares de ultra dereita, nazis, fascistas e demais, van dar o paso? Si, xa que a día de hoxe non houbo ningunha sanción para dar exemplo. Para eles é moi sinxelo e eu creo que nun país demócrata tería que ser ao revés.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios