No medio do caso que escandaliza Colombia sobre o abuso sexual grupal, por parte de sete militares, a unha adolescente indíxena no departamento de Risaralda, o Exército de Colombia deu a coñecer nas últimas horas un suposto novo caso de violación contra outra menor, tamén dunha comunidade orixinaria, cometido en setembro de 2019.
A través dun comunicado, o Comando da Vixésima Segunda Brigada de Selva, Unidade adscrita á Cuarta División, informou de que a violación se producira no departamento de Guaviare, e que axiña se tivo coñecemento do ocorrido iniciouse unha "indagación disciplinaria". Esta, en exercicio de poder preferente, tería sido solicitada pola Fiscalía Rexional do Guaviare a comezos deste ano e aínda se atopa en trámite a entrega do caso ao Ministerio Público. Con todo, xa hai unha investigación penal en marcha.
O comandante do Exército Nacional, Eduardo Zapatero, sinalou que os militares involucrados no feito recibirán sanción. "Non dubidarei en tomar as decisións que a lei me permita no desenvolvemento das investigacións. Calquera acto de violencia en contra dos nosos nenos, nenas e adolescentes é un feito que condenamos e reprochamos", enfatizou.
Segundo caso
Este novo caso faise público no medio do proceso xudicial ao que se enfrontan sete militares pola violación dunha adolescente indíxena, de 14 anos, da comunidade Embera Chamí.
A violación produciuse o 21 de xuño, no municipio de Pueblo Rico. Tras as pescudas, os sete militares recoñeceron a responsabilidade e podería ser condenados a 30 anos de prisión.
As protestas en varias cidades de Colombia van en aumento, mesmo saltándose o confinamento pola pandemia. O Exército está na mira, xa cuestionado e investigado por actos de corrupción, espionaxe a xornalistas e "falsos positivos": os asasinatos de civís feitos pasar por guerrilleiros para aumentar as cifras de baixas do inimigo.