Brasil

Asaltantes aseguran que tiveron axuda do Exército mentres Bolsonaro volve alentar aos seus seguidores radicais

Detidos o ex ministro de Xustiza e un ex comandante da Policía Militar pola súa "omisión e conivencia" en relación ao asalto ás institucións.
Un alto cargo militar interpúxose entre os asaltantes e os policías antidisturbios, segundo o relato dun dos detidos. (Foto: Leco Viana / Zuma Press)
photo_camera Un alto cargo militar interpúxose entre os asaltantes e os policías antidisturbios, segundo o relato dun dos detidos. (Foto: Leco Viana / Zuma Press)

Desde o momento en que milleiros de manifestantes pro-Bolsonaro invadiron as sedes dos tres poderes do Estado do Brasil —executivo, Palácio de Planalto; lexislativo, Congresso Nacional, e xudicial, Tribunal Supremo—, as miradas estiveron postas no papel que xogaron os corpos de seguridade, pois os asaltantes chegaron escoltados por axentes da Policía Militar —dependente dos gobernadores, neste caso o de Brasilia, Ibaneis Rocha, apartado do seu cargo— ás portas destes edificios.

"Houbo mala fe, mala vontade. Os policías militares estaban guiando os vándalos. Os policías que participaron nisto non poden ficar impunes", dixo xa no propio día do ataque simultáneo o actual presidente, Lula da Silva, facendo alusión ás imaxes difundidas por diferentes medios nas que se vían axentes acompañando os asaltantes, tirando fotografías e rindo.

Cando os radicais comezaron a repregarse, moitos deles procederon a refuxiarse nos denominados 'campamentos bolsonaristas' nos que, afirmou a prensa local, sentían que estaban "protexidos" polos militares, aos que consideraban aliados. E esa tese refórzase agora que se dan a coñecer as primeiras declaracións dos máis de 1.500 detidos ante a Policía.

Un dos atacantes, que se desprazou a Brasilia procedente de Santa Catarina canda outras 48 persoas, vén de asegurar que un comandante do Exército instou os ocupantes do Palácio de Planalto a "utilizar unha saída de emerxencia" pouco antes de que os efectivos da Policía Militar chegasen ao lugar para arrestar os responsábeis.

Ese mesmo alto cargo militar, precisou en declaracións recollidas pola canle brasileira G1, "interpúxose entre os antidisturbios e os manifestantes para que o edificio non sufrise máis danos e ninguén resultase ferido". Os manifestantes, de feito, pediron protección ao Exército cando arribaron os policías.

Porén, desde as Forzas Armadas manteñen que "polo de agora non existen indicios que corroboren esta versión ou permita confirmar a súa veracidade, nin tampouco se notificou formalmente".

Dúas detencións de altos cargos

As autoridades do país, entre tanto, veñen de anunciar a detención de Anderson Torres, ministro de Xustiza e Seguridade Pública durante o mandato de Jair Bolsonaro, así como dun ex comandante da Policía Militar, Fábio Augusto Vieira, por mor da súa "omisión e conivencia" en relación ao asalto.

"Hai fortes indicios de que a conduta dos terroristas criminais só podería darse pola participación ou omisión dolosa das autoridades investigadas", apunta o expediente aberto a ambos os altos cargos, recollido por O Globo.

Bolsonaro alenta aos radicais

O ex presidente Bolsonaro, pola súa parte, volveu á ofensiva nas últimas horas compartindo nas súas redes sociais unha serie de mensaxes que cuestionan novamente a vitoria nas urnas de Lula da Silva, se ben procedeu a eliminalas ao cabo de dúas horas.

Tamén nas redes, en especial a través de Telegram, os 'bolsonaristas' máis radicais fan un chamamento a tomar as rúas das principais cidades do Brasil para "retomar o poder".

Comentarios