domingo 07.06.2020

O Executivo español chama a partidos e axentes sociais a forxar un "grande acordo"

O Goberno español "irá indicando" que sectores volven á actividade. 
A ministra María Jesús Montero na rolda de prensa telemática após o Consello de Ministras (Imaxe: Europa Press)
A ministra María Jesús Montero na rolda de prensa telemática após o Consello de Ministras (Imaxe: Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros, reunido na mañá da terza feira, 7 de abril, valorou que os datos sobre a evolución da pandemia no Estado están a marcar unha mellora da situación, mais ao tempo considerou preciso "non baixar a garda", razón pola que o Consello aprobou pedir ao Congreso unha segunda prórroga de 15 días do estado de alarma para continuar coas medidas excepcionais de cara a garantir o illamento social. 

Así o anunciou na rolda posterior ao Consello a ministra e portavoz do Executivo, María Jesús Montero. A voceira do Goberno pediu aos partidos, patronal e sindicatos sumarse a un "grande acordo de país" após a pandemia para facer fronte ás consecuencias sociais e económicas que deixe o coronavirus, unha vez que a emerxencia sanitaria pase.

Con "humildade" e "xenerosidade", dixo Montero, o Goberno chama a oposición e os axentes sociais a forxar uns novos Pactos da Moncloa onde se realice un concerto "social, económico e político" para afrontar a crise que vén.

En canto á volta á actividade económica e laboral, a ministra afirmou que o Executivo irá comunicando progresivamente os sectores que poderán volver retomar a actividade. O Goberno mantén pois a fin da suspensión das actividades non esenciais para o remate da Semana Santa. 

Montero quixo tamén responder ás denuncias efectuadas polo PP e Vox sobre a falta de control democrático ao Goberno estatal durante a presente emerxencia sanitaria. Sinalou a ministra que o presidente Pedro Sánchez "xa cumpre co control do Parlamento coa comparecencia quincenal que realiza para pedir as prórrogas sucesivas do decreto de alarma". Con todo, na tarde desta terza feira, a Mesa do Congreso aprobou convocar para a vindeira semana unha sesión de control ao Goberno. 

Traballo no campo

O ministro de Agricultura, Luis Planas, deu conta do novo decreto do Executivo que permitirá compatibilizar "de forma extraordinaria" prestacións por desemprego ou a renda agraria co cobro dun salario por traballar en campañas de recollidas de froita e hortalizas. Fican fóra deste acordo aquelas persoas que fosen afectadas polos expedientes de regularización temporal de emprego (ERTE) e que e que perciban 70% do seu salario. 

Con este decreto o Goberno quere garantir a produción para as próximas campañas agrícolas, que necesitan, segundo sinalou Planas, entre 75.000 e 80.000 traballadoras. Tamén poderán acceder a estes traballos aquelas persoas migrantes cuxo permiso de traballo conclúa no período comprendido entre a declaración do estado de alarma e o 30 de xuño de 2020.

Tests a máis de 30.000 familias

Os tests rápidos que adquiriu nos últimos días o Goberno só se van realizar a pacientes con síntomas moderados ou graves que estean hospitalizadas, e aos leves que estean en residencias de maiores ou en centros sociosanitarios, segundo estabelece a Guía para a utilización de tests rápidos de anticorpos publicada na terza feira polo Ministerio de Sanidade.

Porén, desde o Executivo anunciouse que xa "se está deseñando un estudo amplo representativo da poboación" para coñecer que porcentaxe superou a enfermidade", é dicir, para analizar o nivel de inmunidade alcanzado. Así, nas vindeiras semanas comezaranse a realizar tests en 30.000 fogares para avaliar a expansión da COVID-19. 

comentarios