Proceso ao Procès

O ex delegado do goberno español fala dun clima de “violencia” en Catalunya até o 155

Enric Millo acusa o goberno da Generalitat presidido por Puigdemont de non ter vontade negociadora ningunha.

enric millo
photo_camera enric millo

O ex delegado do goberno español en Catalunya, Enric Millo, incidiu na súa declaración no Tribunal Supremo no argumentario da Fiscalía, da dereita española e de gran parte dos medios sistémicos con base en Madrid de que o que se viviu en Catalunya en setembro e outubro de 2017 foi un clima de violencia. Millo falou de escenarios case bélicos, con “acosos, ameazas e accións violentas constantes" contra as forzas de seguridade do Estado, o poder xudicial e os representantes do goberno español en Catalunya. 

Un clima de "violencia" sostida entre o 10 de setembro do 2017 e o 1 de outubro, afirmou. O ex delegado do goberno explicou que na mañá do 27 de outubro Carles Puigdemont envioulle unha mensaxe preguntando se non aplicaría o 155 de convocar eleccións e non declarar a independencia. “Respondinlle que fixese o que tivese que facer, que era a súa decisión”, afirmou, pois o paquete de medidas do 155 xa estaba en trámite no Senado.


Os CDR, según Millo, serían os responsábeis dese clima, que non era espontáneo senón que tiña unha “relación lóxica e natural” con Òmnium Cultural e a ANC. Evitou referirse ás cargas policiais do 1-O e acusou o independentismo de alimentar imaxes de 'fake news' durante o día do referendo.


O ex delegado do goberno español sumouse á tese de Soraya Sáenz de Santamaría e de José A. Nieto (número 2 con Zoido no Ministerio de inisterior) de que a actuación policial naquela xornada fora proporcionada, para alén de incidir na falla de vontade negociadora do goberno catalán.


 

Comentarios