O ex presidente francés Nicolas Sarkozy é condenado a tres anos de prisión por corrupción

O caso remóntase a 2014, cando o ex presidente ofreceu subornos a un fiscal a cambio de información e axuda nun proceso xudicial sobre o financiamento irregular -por parte da herdeira de L'Oréal Liliane Bettencourt- da súa campaña nas eleccións presidenciais de 2012.
O ex presiente do Estado francés, Nicolas Sarkozy (Foto: Europa Press / Contacto / Vincent Isore).
photo_camera O ex presiente do Estado francés, Nicolas Sarkozy (Foto: Europa Press / Contacto / Vincent Isore).

O ex presidente do Estado francés, Nicolas Sarkozy, perdeu o seu recurso contra a condena por delitos de corrupción e tráfico de influencias no chamado caso ‘Bismuth’.

O Tribunal de Casación de París confirmou esta cuarta feira a súa condena de tres anos de prisión, pero dous foron suspendidos e o tribunal permitiulle levar un brazalete electrónico GPS en lugar de cumprir o terceiro. Sarkozy, que foi presidente de 2007 a 2012 e agora ten 68 anos, encontrouse con todo tipo de problemas legais desde que deixou o cargo.

O caso remóntase a 2014, cando o ex presidente ofreceu subornos a un fiscal a cambio de información e axuda nun proceso xudicial sobre o financiamento irregular -por parte da herdeira de L'Oréal Liliane Bettencourt- da súa campaña nas eleccións presidenciais de 2012.

O seu avogado, Thierry Herzog, e un antigo maxistrado do Tribunal de Apelación, Gilbert Azibert, tamén foron condenados polo caso. Neste sentido, o tribunal determinou que os tres formaron "un pacto de corrupción". Nas súas manobras, o ex presidente quixo recuperar axendas que a xustiza lle requisou no caso Bettencourt, do que posteriormente foi exonerado.

A trama foi destapada cando a policía francesa tocou as dúas liñas telefónicas do ex presidente. Grazas a estas escoitas, os investigadores descubriron que estaba usando unha terceira liña secreta para contactar con Herzog. De feito, esta liña que se rexistrou cun nome falso, Paul Bismuth, serviu para bautizar a causa.

Na sentenza inicial, o tribunal reprochou a Sarkozy que "utilizara a súa condición de ex presidente da República e as relacións políticas e diplomáticas que estabeleceu cando estaba no seu cargo para gratificar a un maxistrado ao servizo do seu persoal de interese".

Sarkozy aínda ten pendente outra causa xudicial por ter recibido financiamento do réxime libio de Moammar al-Gaddafi para a súa campaña presidencial en 2007, cando se impuxo nas urnas a Ségolène Royal. Hai uns días, a Fiscalía pedía procesalo polos delitos de corrupción pasiva, asociación criminal, financiamento ilegal dunha campaña electoral e encubrimento de malversación de caudais públicos.

Segundo presidente condenado a prisión

Sarkozy non é o primeiro presidente condenado a prisión, en 2011 Jacques Chirac foi condenado a dous anos por malversación de fondos públicos e abuso de confianza durante o seu mandato como alcalde de París (1977-1995). Non obstante, o ex presidente quedou exento de ingresar en prisión por padecer unha patoloxía neurolóxica coñecida como anosognosia.

Comentarios