O ex líder do PCE e de IU Francisco Frutos di que o nacionalismo "é unha reacción do mundo máis rural e primitivo"

No seu blog, o líder que levou a Izquierda Unida a presentarse en coligación co PSOE de Almunia, nas xerais de 2000, afirma que "en España non hai colonias" e que a "independencia e o independentismo ao único que contribúen é a dividir máis as clases traballadoras e populares na procura de quimeras absurdas".

frutos
photo_camera Frutos, nun mítin de IU

Francisco Frutos sempre se caracterizou na súa práctica política -primeiro ao fronte do PSUC, logo do PCE- pola súa hostilidade co nacionalismo. Tamén por criticar acedamente ao PSOE, ao que, na liña anguitista, situaba na mesma beira que o PP, o que, porén, non lle impediu pactar listaxes conxuntas con Almunia nas eleccións xerais. A coligación foi un desastre, IU perdeu 13 deputad@s e Aznar obtivo unha cómoda maioría absoluta.

O 24 de Outubro de 2013, o antecesor de José Luis Centella ao frente da secretaría xeral do PCE publicou unha entrada no seu blogue co título de "Catalunya, o nacionalismo, o independentismo e a esquerda". No post, Frutos comeza por criticar a esquerda catalá -e tamén ao PSC, ao que sitúa no "centro social liberal"- por desenvolver un papel "subsidario do nacionalismo, por non dicer servil a este".

O dirixente do PCE bate a seguir contra o nacionalismo como ideoloxía. "O nacionalismo, na súa xénese, é unha reacción do mundo máis rural e primitivo fronte o desenvolvimento urbano, técnico, laboral e social". En realidade, non é o nacionalismo unha elaboración política racional, senón "un sentimento" que recollería "o máis primario da sociedade rural, sexa no plano económico, social ou relixioso".

Frutos entra aínda en conversa cun leitor do seu blogue, que se identifica co nome de Breogán e que o interpelaba sobre o que pensa de AGE

Dese primitivismo o nacionalismo emerxe, segundo Frutos, para se tornar "nunha especie de nova fe, que arrinca da vella superstición e se converte nun sentido colectivo".

Para Frutos, o nacionalismo fabula co "pasado glorioso dun pobo e dun pasado inexistentes" e apresenta o que cualifica de "loitas históricas polo poder", entre elas 1714, a derrota de Catalunya na guerra de secesión, como "loitas contra un pobo ancestral" que gozaría dun "pensamento único, macizo e eterno, sen clases nen intereses antagónicos".

Critica Frutos as actuais direccións do PCE e "sobre todo" de IU pola súa actitude ante o nacionalismo: "Deberían ter actuado hai tempo doutra maneira a como o fixeron, e non repetindo vellas e valeiras consignas sobre o dereito de autodeterminación, fóra do contexto histórico en que foron pronunciadas e erráticas na definición dos suxeitos que sustentan este dereito".

Debate sobre Anova

Frutos entra aínda en conversa cun leitor do seu blogue, que se identifica co nome de Breogán e que o interpelaba sobre o que pensa de AGE ("hai unha parte que somos independentistas e iso non nos fai menos internacionalistas que ninguén", lle dicía). A resposta de Frutos é no mínimo tallante: "En España non hai colonias. Non coincido para nada con independencia e independentistas que ao único que contribúen é a dividir máis as clases traballadoras e populares en procura de quimeras absurdas".

Comentarios