América Latina

Evo Morales chama a "recuperar a democracia" en Bolivia

O presidente exiliado na Arxentina reafírmase na designación, o domingo, de Luis Arce e David Choquehuanca como candidatos ás eleccións presidenciais do 3 de maio.
morales
photo_camera Evo Morales, tras anunciar a designación de Arce e Choquehuanca (Europa Press)

"A Revolución Democrática e Cultural do Estado Plurinacional de Bolivia continuará adiante, cos irmáns Luis e David, polos dereitos conquistados polo pobo nestes 14 anos e para construír un futuro de paz e liberdade para a Patria", escribiu onte na súa conta do Twitter o presidente constitucional boliviano, Evo Morales. 

Fíxoo un día despois de que Luis Arce e David Choquehuanca foran designados como candidatos do Movemento ao Socialismo (MAS) á Presidencia e á Vicepresidencia do país nas vindeiras eleccións do 3 de maio.

Arce foi ministro de Economía de Morales durante case todo o seu mandato. Está considerado como un moderado e artífice do progreso económico de Bolivia durante os últimos tres lustros, polo que a súa elección parece encamiñada a atraer o voto das clases medias no país.

Choquehuanca foi dirixente da Confederación Sindical Única de Campesiños e do Movemento Campesiño Indíxena; é membro da comunidade aymara de Cota Cota Baja, no departamento de La Paz, e a súa lingua materna é o aymara, circunstancias que o conectan cos pobos orixinarios no país.

Outro dos candidatos que soaba con forza para encabezar a lista, Andrónico Rodríguez, de 30 anos, non foi considerado finalmente polo MAS. 

Apoio a Andrónico

Evo Morales, tamén xefe de campaña da formación, explicaba as razóns tras a xuntanza do domingo en Bos Aires, onde está exiliado e se produciu a elección dos candidatos aos comicios presidenciais.

"Quero dicir á mocidade que tiña moita esperanza e fe en Andrónico. Respectamos e valoramos isto; era verdade que nas enquisas ía primeiro, eu pelexei pola súa presenza, mais ás veces hai que saber sacrificarnos por un proxecto político", dixo Morales. Este viuse na obriga de ceder ante a maioría dos dirixentes do MAS de nove departamentos bolivianos e do Pacto da Unidade (a alianza de organizacións indíxenas e agrarias de base), reunidos na capital da Arxentina e que pedían a alguén con maior experiencia.

O MAS necesita "aliados na cidade e no campo", e "Arce garante a economía nacional" mentres que "Choquehuanca achega un coñecemento científico dos indíxenas orixinarios", explicou Morales. "Espero que a mocidade me perdoe", engadiu.

Comentarios