Evitar que a Covid 'faga o agosto' no Nadal

A Covid-19 representa todo o contrario ao espírito do Nadal. Se son estas unhas datas especialmente propicias para as xuntanzas, é precisamente no achegamento social –físico– que o virus máis progresa. Alí onde debe haber alegría, ameaza a tristeza. Unha nova disxuntiva en Europa á hora de modular as medidas restritivas.
EuropaPress_3449148_25_november_2020_scotland_denny_woman_wearing_face_mask_passes_by_christmas
photo_camera Unha muller con máscara camiña por diante dunha tenda de adornos de Nadal na localidade escocesa de Denny, na pasada cuarta feira (Foto: Andrew Milligan / PA Wire)

Non sobra confianza entre os líderes europeos, mais a importancia do Nadal na sociedade europea ─tanto polo seu aspecto familiar e relixioso como polo económico─ leva a relaxar as estritas medidas restritivas que rexen na maioría dos Estados da UE e da súa contorna. O principal medo é que se repitan os erros do verán, que deron pé á segunda vaga da pandemia da Covid-19. 

"Cómpre aprender das leccións do verán e non repetir os mesmos erros. Se a relaxación é demasiado rápida e demasiado ampla, traerá consigo tristemente unha terceira vaga despois do Nadal", alertou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nunha comparecencia na Eurocámara na cuarta feira.

Neste sentido os principais Estados da UE e o Reino Unido xa anunciaron os plans para estas datas, que contemplan certas relaxacións sen perder de vista a ameaza do novo coronavirus. 

Francia

En Francia, o segundo confinamento imposto a finais de outubro comezará a se relaxar a partir deste sábado coa apertura de máis tendas. Xa de cara ás celebracións de final de decembro, malia que os negocios de bens de consumo non esenciais permanecían clausurados, o Goberno galo permitiu por decreto a venda de árbores de Nadal.

Pouco a pouco ─informou Emmanuel Macron na pasada terza feira─ as restricións iranse suavizando e poderíanse levantar aínda máis a partir do 15 de decembro en caso de o número de contaxios diarios caer por baixo dos 5.000 e o de pacientes nas UCI non superar os 3.000.

"Poderemos entón volver viaxar sen autorización, tamén entre as rexións, e pasar o Nadal coas nosas familias", manifestou o presidente francés.

Ademais, o confinamento será substituído por un recollemento domiciliario obrigatorio entre as 21 horas e as 7 horas, coas excepcións da Noiteboa e do Aninovo. Iso si, bares e restaurantes permanecerán fechados polo menos até o 20 de xaneiro.

Italia

A comezos do outono, o primeiro ministro de Italia, Giuseppe Conte, pediu á cidadanía que seguise as normas para poder celebrar o Nadal da maneira máis normal posíbel. Non obstante, a día de hoxe Italia está a rexistrar o maior número de falecementos por Covid-19 desde finais do mes de marzo. Conte, nas últimas horas, rebaixou as expectativas e falou "dun Nadal máis sobrio, sen xuntanzas de Noiteboa, nin abrazos e beixos".

A maioría das rexións italianas están baixo un confinamento parcial que, por exemplo, impide os desprazamentos fóra destas. Medidas que permanecerán en vigor até o 3 de decembro. Segundo os medios de comunicación locais, prevese unha relaxación a partir de entón, mais os detalles exactos aínda están a ser discutidos polo Executivo. 

Alemaña

O Goberno federalde Alemaña e os dos 16 länder (Estados federados) acordaron na cuarta feira, despois de sete horas de reunión, as normas para este inverno, que inclúen reunións dun máximo de cinco persoas de dúas vivendas diferentes (sen contar os menores de 14 anos). Con todo, entre o 23 de decembro e o 1 de xaneiro será un total de dez persoas que se poidan reunir.

Polo momento mantense o semiconfinamento até o 20 de decembro e podería ser estendido até os primeiros días de xaneiro.

"Temos dúas mensaxes para a cidadanía: en primeiro lugar, grazas; mais en segundo, que as actuais restricións non serán levantadas", anunciou a presidenta do Goberno, Angela Merkel, nunha conferencia de prensa ao termo desa reunión. 

Algúns länder, pola súa banda, recomendaron que as familias se poñan en corentena antes e despois das vacacións. Ademais, a maioría dos tradicionais mercados de Nadal foron cancelados, como tamén os tradicionais fogos artificiais de Aninovo. 

Colexios e tendas permanecerán abertos, e bares restaurantes continuarán fechados.

Reino Unido

No Reino Unido, os representantes gobernamentais para Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte acordaron que entre o 23 e o 27 de decembro poida haber xuntanzas de até tres casas diferentes tanto ao aire libre como nos fogares ou nos lugares de culto. Ademais, poderase viaxar sen restricións a través de todo o territorio da Gran Bretaña e Irlanda do Norte.

Non obstante, no que respecta a Inglaterra ─que non ten competencias transferidas e polo tanto a gobernanza recae sobre Downing Street─ o primeiro ministro británico, Boris Johnson, anunciou que entre o 2 e o 23 de decembro estará en vigor un severo sistema rexional de tres niveis.

Irlanda 

O Goberno de Irlanda ten previsto suavizar as restricións actuais durante case dúas semanas, coincidindo coas datas do Nadal. O viceprimeiro ministro, Leo Varadkar, sinalou na cuarta feira en declaracións á canle pública RTE que se permitirían xuntanzas de até tres casas diferentes.

Portugal

E en Portugal continúa sen se coñecer o plan gobernamental para estas datas festivas. Porén, todo indica que co número ─diario─ de contaxios por riba dos 5.000 e de mortes por volta das 70, o estado de emerxencia continuará, tal e como deixou entrever o presidente da República.

Na semana pasada, nun discurso ao país, Marcelo Rebelo de Sousa alertou da necesidade de o manter, e pediu continuar gardando o distanciamento físico para evitar unha "terceira vaga" da Covid-19 en xaneiro.

Comentarios